EconomíaEconomíaÚltima hora

Novos conselleiros de Facenda e Cultura

Valeriano Martínez e Román Rodríguez tomarán posesión dos seus novos cargos o 10 de febreiro no Pazo de Raxoi
Valeriano Martínez será o novo conselleiro de Facenda.
Valeriano Martínez será o novo conselleiro de Facenda.

Xa se coñecen os nomes das persoas que relevarán nos seus cargos a Elena Muñoz e Xesús Vázquez. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asinaba o 9 de febreiro os decretos para nomear a Valeriano Martínez como novo conselleiro de Facenda e a Román Rodríguez como novo conselleiro de Cultura e Educación. Os novos conselleiros tomarán posesión do cargo mañá martes, 10 de febreiro, ás nove horas no Pazo de Raxoi.

O que será novo titular de Facenda, Valeriano Martínez García, naceu en Aldán (Cangas) en 1961, é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela e diplomado en Xestión de Xerencia Hospitalaria pola Escola de Alta Dirección e Administración. Desde 1985 é funcionario do corpo superior de administración xeral da Consellería de Economía e Facenda. Ata a data exercía como secretario xeral da Presidencia da Xunta de Galicia. Anteriormente, entre outras responsabilidades, foi director xeral de Recursos Humanos do Sergas, director xeral de Transporte e auditor do Consello de Contas de Galicia.

Román Rodríguez será o novo conselleiro de Cultura e Educación.
Román Rodríguez será o novo conselleiro de Cultura e Educación.

Román Rodríguez González, nado en Lalín en 1968, é doutor en Xeografía pola Universidade de Santiago de Compostela, na que se licenciou con premio extraordinario e onde é profesor titular. Posúe un título de máster en Desenvolvemento Local. Actualmente é deputado autonómico e desempeña o cargo de viceportavoz no Grupo Parlamentario Popular así como portavoz nos eidos de Educación e Ordenación do Territorio. Forma parte da corporación local de Lalín como tenente de alcalde.

Artigos relacionados

Back to top button