Desde o día 1 e ata o 20 de marzo permanecerá aberto o prazo para que as familias soliciten praza escolar para o vindeiro curso escolar 2025-26 para todo o alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo (maioritariamente en 4º curso de Educación Infantil), así como para aqueles alumnos de Educación Infantil, Educación Primaria, ESO e Bacharelato que desexan cambiar de centro escolar sempre que haxa prazas dispoñibles.
Tal e como indican dende a Consellería de Educación, unha vez pechado o prazo de solicitudes, “as listaxes provisionais de admitidos e excluídos publicaranse o día 25 de abril, as definitivas o 15 de maio e os prazos de formalización de matrícula serán do 20 ao 30 de xuño para os alumnos de Infantil e Primaria e do 23 de xuño ao 7 de xullo para os de ESO e Bacharelato”.
Tramitación en liña
A Consellería de Educación pon á disposición das familias unha ferramenta informática, a aplicación admisionalumnado, que posibilita que “os proxenitores cubran a solicitude na aplicación, marquen os criterios do baremo que, chegado o caso, queiran que se lles valoren, e poidan presentala de forma presencial no centro, ou por vía electrónica a través da propia aplicación”. Deste xeito, “garántese o dereito da cidadanía ao acceso electrónico aos servizos públicos, mantendo tamén a posibilidade de presentar esta solicitude de forma presencial”, indican.
Ademais, as familias poderán consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao gravar a solicitude, xunto co DNI do proxenitor ou proxenitora asinante.