En portadaÚltima hora

O 21 de abril retomaranse as concentracións en defensa do Hospital de Valdeorras

Así o vén de anunciar a Xunta de Persoal do centro, que destaca que "os traballadores non somos responsables da situación deste hospital, é a administración"

 

A Xunta de Persoal do Hospital Público de Valdeorras (HPV) retomará ás mobilizacións en defensa deste centro e chama á cidadanía a sumarse a elas a partir do xoves 21 de abril ás 12h. Así se acordaba onte nunha asemblea de traballadores do hospital. “Non mellorou nada dende a manifestación do pasado 27 de novembro, a situación vense dexenerando”, aseguraba esta mañá en rolda de prensa o presidente da Xunta de Persol do HPV, Víctor Pariente, “como xa temos dito en numerosas ocasións, a situación deste hospital é estrutural, non é dunha especialidade soa. E xa a semana pasada puxemos de manifesto que quedaron dous especialistas activos en medicina interna, pero non fomos atendidos nin pola dirección de Distrito de Valdeorras, nin pola Xerencia da Área de Ourense, a día de hoxe e estou esperando aínda unha chamada deles para explicar por qué se deu esa situación”.

Pariente engade que “levamos semanas sen radiólogos, nin sequera se nos comunicou á Xunta de Persoal; levamos cun hematólogo dende decembro do 2021, tampouco se nos comunicou, sabémolo porque nolo da profesional…, esa é a situación real do hospital”. E asegura que o único que fixo a consellería dende a manifestación do pasado outono foi “licitar material”.

A situación que presenta o hospital deriva, segundo Víctor Pariente, en que “haxa unha mala atención aos pacientes e a relación dos pacientes cos traballadores cada vez enrarécese máis. Tivemos un episodio de violencia hai 15 días, temos episodios de violencia verbal practicamente todos os días, e a xente lexitimamente demanda que se lle atenda, pero os profesionais que traballamos aquí non somos os responsables desta situación. Por moito que discutan con nós, a situación non se arranxa, botarlle a culpa a un médico, a un enfermeiro, a un celador ou a un administrativo non soluciona nada porque o que facemos é cumprir ordes e cumprir cun traballo que outros non fan. Os responsables da situación do hospital teñen nome e apelido: Consellería de Sanidade, Xerencia do Sergas, Xerencia da Área Sanitaria, de Ourense, Verín e O Barco e dirección de Distrito de Valdeorras”.

 

 

Neste senso, o presidente da Xunta de Persoal do Hospital Público de Valdeorras pídelle á cidadanía que presente reclamacións, “hai sitios onde reclamar, se ninguén fai reclamacións por escrito a situación non se ve, esa é a realidade”. Ademais chama á sociedade das comarcas de Valdeorras, Terras de Trives e Viana do Bolo a que se sumen as concentracións que se retomarán cada xoves dende o 21 de abril.

Concentración de apoio á folga no Distrito Sanitario de Ourense

Víctor Pariente facía estas declaracións aos medios ao rematar a concentración de traballadores do hospital valdeorrés desta mañá para apoiar á folga convocada pola Xunta de Persoal do Distrito Sanitario de Ourense. “Moitas das reivindicacións que se fan na convocatoria de folga de Ourense son tamén compartidas polo Distrito de Valdeorras, fundamentalmente, no referente ás vacacións. Este ano a xerencia aplica un sistema de vacacións no que practicamente anula a conciliación familiar e laboral, ampliando ao mes de xuño a petición de solicitude de vacacións e non dando a posibilidade de saír máis do 25% de cada un dos servizos da plantilla que está establecida, cando ata agora tiñamos o 33%. É unha redución significativa da xente que pode saír de vacacións”.

Por estas razóns, á que se suma “á falta de profesionais nos diferentes servizos en Ourense, cousa que pasa tamén no Distrito de Valdeorras; apoiamos aos compañeiros na folga destes días: o 6, o 13 e o 20 de abril. Nós faremos as concentracións na entrada do hospital esperamos que a Administración recapacite e vexa o esforzo e o traballo diario de cada un dos profesionais da sanidade”, explicaba Víctor Pariente.

Fotos: O SIL.

Artigos relacionados

Back to top button