Galerías de fotosOurenseÚltima hora

O 21OUFF proxectará 73 traballos co foco no cine iberoamericano e nas óperas primas

A programación do festival, que incluirá asemade unhas 20 pezas galegas, presentábase no claustro de San Francisco

“Entramos agora nunha fase moi bonita, emocionante, acelerada e decisiva” dicía Fran Gayo, director artístico e programador do 21 Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF), na presentación da programación deste certame, que se desenvolverá do 28 de outubro ao 5 de novembro na cidade das Burgas. Neste acto, celebrado na mañá do 18 de outubro no claustro de San Francisco, avanzábanse os contidos principais desta nova edición, na que se proxectarán 73 traballos (uns 20 deles galegos).

Fran Gayo, que se confesaba “entusiasmado coa programación”, lembraba o traballo da organización, agradecía o apoio do Concello, doutras institucións e dos patrocinadores, e adiantaba as novidades deste 21 OUFF, que terá dúas seccións competitivas: a de cinema iberoamericano e a de óperas primas. Na primeira delas, “contamos con nomes decisivos no ámbito iberoamericano agora mesmo e películas en premier internacional”, resaltaba Gayo antes de enumerar os filmes que se proxectarán, entre os que figuran “Angélica [una tragedia]”, “El limonero real”, “Días extraños”, “El charro de Toluquilla”, “Como me da la gana II”, “Manuel Vilariño. Ser Luz”, “Últimas conversas”, “Treblinka” ou “Hermia & Helena”, unha produción arxentino-estadounidense de Matías Piñeiro, director de orixes galegas. Tamén poderá “El despetar de Lili”, unha película gótica de Mónica Deme “que nos pediu que se proxectará na noite do 31 de outubro e que vai estar con nós aquí”. Con respecto ao apartado de óperas primas, o director do festival sinalaba que “forma parte da aposta por novos cineastas”. Incluirá once traballos, dos cales seis están dirixidos por mulleres.

Ademais Gayo anunciaba que o festival volverá ao Pontevella, en concreto a dúas salas, e tamén inicia unha “nova colaboración co Cine Club Padre Feijóo, que será unha sede especial” do certame e ademais esta entidade “dará un premio”. Referíase tamén ao conxunto de actividades paralelas do certame como conferencias, mesas redondas, concertos… E entre elas mencionaba “unha proxección moi especial” a de “La calle de los pianistas”, en colaboración co Conservatorio ourensán, o día 3 de novembro no Auditorio. Asemade, por vez primeira o OUFF descentralízase e a súa programación chegará a Xinzo, ao Carballiño e a Celanova, así como ao centro penitenciario de Pereiro de Aguiar. “O programa de man do festival estará listo en breve e a venda online estará disponble o 19 de outubro”, engadía o director.

Pola súa banda, o alcalde de Ourense, Xesús Vázquez, calificaba o contido do OUFF como “un luxo ao noso alcance” e incidía en que “representa unha oportunidade para confrontar o que nos contan con quen nolo conta. Teremos a moitos dos seus directores e protagonistas con nós”. Ademais “poderemos ver perlas do cinema na súa versión máis orixinal como “Pedro Páramo”, coa que se pecha o festival”. E sinalaba a importancia do OUFF Escola para “formar aos cinestas do futuro” e agradecía o apoio ás institucións e patrocinadores.

Neste acto de presentación tamén interviñan a concelleira de Cultura ourensá, Belén Iglesias, quen subliñaba que “Ourense é cine, non se pode entender sen el”; o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; quen insistía nos traballos galegos presentes no OUFF e na súa “proxección na cidade e na provincia”; así como o director da AGADIC, Jacobo Sutil, para quen “esta edición ten unha sensación de estrea polo novo equipo, a estrutura, apartados” que afondan “na orientación ao cinema iberoamericano e ás óperas primas”.

Xa na parte final do acto presentábanse o spot do 21 OUFF e as catro cabeceiras que o acompañarán. Ademais enumerábanse as distincións que se outorgarán nesta edición: as Calpurnias á mellor película na sección de cinema ibeoramericano e ao mellor filme na sección de ópera prima, o premio Carlos Velo ao mellor director, o premio do público, o de mellor actor e actriz, o premio Cidade de Ourense e o premio do xurado do Cine Club Padre Feijóo.

Máis información:
http://www.ouff.org

Texto: Ángeles Rodríguez
Fotos: Sara Fontenla

Artigos relacionados

Back to top button