DeportesÚltima hora

O 4 de setembro abrirase a inscrición para as escolas deportivas do Barco

Foto: A.R.

 

Este próximo luns, 4 de setembro, comeza o prazo de inscrición nas escolas deportivas municipais postas en marcha polo Concello do Barco, para este curso 23-24. Dirixidas a adultos de a partir de 17 anos, a oferta deste ano inclúe as escolas de ximnasia de mantemento, adestramento funcional, ximnasia mixta, zumba, pilates, bailes de salón, ioga e tai-chi. As matriculacións poden realizarse entre as 9 e as 14 horas, no Departamento de Deportes do Concello do Barco (Edificio Multiusos, segundo andar).

O procedemento para formalizar a matrícula é o seguinte: os interesados deben pasar pola oficina de deportes, co DNI do interesado para recoller unha folla de matrícula e unha taxa bancaria. O interesado disporá de 24 horas para entregar a taxa pagada e a folla de matrícula cumprimentada na mesma oficina. As clases comezarán o luns 2 de outubro, e rematarán o venres 14 de xuño.

Ademais, para adultos tamén se ofertan as actividades de kárate, tiro con arco, boxeo e kick boxing, xestionadas polos clubs deportivos respectivos. Neste caso, a matriculación debe realizarse nos propios clubs.

No que atinxe ao deporte base, para nenos/as e mozos/as de ata 17 anos, as escolas ofertadas son as de fútbol, fútbol-sala, ximnasia rítmica, voleibol, zumba, atletismo, ballet, kárate, baloncesto, patinaxe e hóckey patíns, piragüismo, boxeo e kick-boxing e tiro con arco. Cada modalidade estará xestionada polo club deportivo ao que pertence, e cada un establece as idades e formas de funcionamento.

Artigos relacionados

Back to top button