A RúaConcellosÚltima hora

O 5º Gran Premio de Montaña A Rúa promete dureza, calidade e beleza a partes iguais

A cita deportiva celebrarase este domingo con saída e meta na praza Enriqueta Casanova de Fontei

 

Tras meses de duro traballo por parte do Club Atletismo Rúa, a cita cunha das carreiras por montaña máis dura de Galicia, está xa á volta da esquina. Trala paréntese do ano pasado, o Gran Premio de Montaña Galitiming regresa este domingo 3 de outubro á Rúa coa celebración da 5ª edición, seguindo un riguroso protocolo Covid.

A presentación do evento deportivo que promete dureza, calidade e beleza a partes iguais, era presentado na tarde deste venres 1 de outubro na recén aberta oficina de turismo da Rúa, nun acto ao que asistían tres membros da organización, Fernando Navarro, Iván Dosantos e Isabel Seco, ademais do alcalde da Rúa ,Álvaro Fernández.

Será unha edición especial que por primeira vez puntuará como proba oficial da Federación Galega de Montañismo e contará con 200 deportistas ao cubrirse o cupo aberto pola organización e con varias opcións (ademais o trail, do minitrail e da andaina, este ano incorporan un maratón).

Tal como explicou o presidente do club, Fernando Navarro, con saída a praza Enriqueta Casanova de Fontei, a primeira proba será precisamente o maratón (Copa Galicia absoluta), ás 8:45 horas cun percorrido de 45 km; a seguinte modalidade sairá ás 9:15 horas será o trail sobre unha distancia de 24 km; e quince minutos despois, sairá a andaina de 15,8 km. A última modalidade, ás 9:40 horas será o mini trail cun percorrido de 16,9 km, e todas pasarán polos montes da Rúa, saíndo de Fontei e destacando San Xulián e Roblido para rematar de novo no punto de saída. “Hai cincuenta participantes en cada modalidade e sairán en grupos de vintecinco para manter en todo o momento o estrito protocolo Covid imposto pola Federación Galega de Montañismo”, dixo Fernando, esperando que o tempo non sexa tan malo como está previsto.

 

 

A nivel de participantes, Iván Dosantos asegura que esta carreira é a segunda despois do Ribeira Sacra. “Estarán basicamente todos os da selección galega e no trail de 26 km estará Rubén Veloso, un dos mellores atletas que hai neste momento en Europa”, dixo, adiantando que virán corredores de Portugal, das catro provincias galegas, de Madrid, da Comunidade Valenciana, de Castela e León, de Castela a Mancha, de Asturias, da Rioxa,… E con respecto ás carreiras “o maratón, polo percorrido que temos e tipo de terreo é unha das máis duras de Galicia, así como o trail e minitrail polo que require un mínimo de adestramento”.

Isabel Seco foi a encargada de convidar á poboación a asistir á carreira e animar aos participantes “sobre todo na meta que é cando máis agradecen os aplausos”, dixo, lembrando que mañá pola tarde pasaranse pola carpa instalada na praza de Fontei para entregar dorsais, evitando así o máximo posible a acumulación de xente o domingo.

O alcalde da Rúa pola súa banda, loou o traballo realizado polo Club Atlétismo Rúa, así como a valentía por organizar este evento que tiña que ser suspendido o ano pasado. “Estou seguro de que será un gran escaparate para a nosa vila”, dixo Álvaro, agradecendo tamén á dispoñibilidade da oficina de turismo dirixida por Soledad Figueroa, para presentar o acto.

Fotos: Mónica G. Bellver

Artigos relacionados

Back to top button