O VI Car Outlet Ourense abre as súas portas co obxectivo de “contribuír a dinamizar as ventas de coches na provincia de Ourense”. Para acadalo, un total de 15 concesionarios que representan a 23 marcas (o 95% das que operan no mercado español) ofrecen 400 coches seminovos, kilómetro cero ou de ocasión con importantes descontos e vantaxes. A entrega inmediata, as facilidades de financiamento, as garantías que ofrecen os concesionarios oficias e o aforro que supón comprar un vehículo xa matriculado convértense nos principais reclamos do VI Car Outlet Ourense que abriu esta mañá as súas portas en Expourense. Trátase dunha cita coorganizada entre Expourense e a Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO.
O V Car Outlet Ourense estará aberto ata mañá e ofrece boas oportunidades do mercado de vehículos de ocasión e segunda man e seminovos, puidendo atoparse vehículos que acaban de ser matriculados ata outros con ata 7 anos de antigüidade. A oferta do salón é moi variada, cubrindo todas as gamas posibles e onde poden atoparse a bo prezo (porque xa son de ocasión) modelos que saíron hai escasos meses ao mercado como o Toyota C-HR, o Volvo EX30, Jeep Avenger ou o novo Opel Corsa. Tamén nas motorizacións hai ampla variedade cubrindo a gama dende os motores de combustión ata os 100% eléctricos.
Os descontos especiais en feira que rondan de media entre os 3.000 e os 6.000 euros, xa que os propios concesionarios reciben o apoio das marcas ás que repsentan para poder ofrecre prezos moi axustados para liberar o stock sobre todo naqueles modelos dos que xa saiu unha nova versión. O abano de prezos é tan amplo que se pode atopar dende un Citroën C1 por 7.500 euros ata un Audi A6 Avant por 64.990 euros, se ben o prezo medio da maioría dos coches expostos oscila entre os 12.000 e os 30.000 euros.
O VI Car Outlet ofrece numerosos vehículos que representan os catro eixos do mercado de ocasión: os kilómetro cero (novos que se venden así por obxectivos comerciais que indica o fabricante); vehículos de servizo (demostración ou cortesía) con antigüidade de ata 1 ano e con 15.000 kilómetros de media; seminovos (ata 5 anos de froito de renting empresarial ou operacións financeiras con garantía de recompra); e o de ocasión (que foi empregado por un particular e entregado no concesionario a cambio doutro). Por outro lado, este salón é unha boa ocasión para rexuvenecer o parque automobilístico galego (dos máis antigos de España) que ten agora unha idade media de 14 anos.
Polo que respecta á compra dun vehículo de segunda man, dende A.C.A.U.T.O. recomendan acudir sempre a profesionais porque estes ofrecen unhas garantías inexistentes nas transaccións entre particulares xa que, por lei, hai que ofrecer un ano de garantía total, sendo moitas as empresas que extenden esta garantía ata dous anos (ata 5 anos nalgúns casos), no caso dos seminovos (de 0 a 5 anos). As garantías ofrecidas aos coches mercados neste salón son moi semellantes ás dos coches novos xa que “as marcas están a traballar moito por profesionalizar o mercado de ocasión e xa todas teñen a súa propia división de vehículos de ocasión”, explican. Outra vantaxe é a xestión da documentación do proceso de compra-venda, da que se encarga a empresa.