Un total de 132 pilotos competirán, os días 21 e 22 de setembro, na sétima edición do Rallye Ourense-Ribeira Sacra, a proba automobilística que percorre os concellos de Ourense, Maceda e Nogueira de Ramuín.
O percorrido deste ano é de 424 quilómetros, dos cales 84 quilómetros corresponden a nove treitos cronometrados por estradas asfaltadas que estarán pechadas ao tráfico. O parque pechado e o parque de traballo situaranse en Luíntra, o primeiro estará no parque empresarial e o segundo desprazarase ás inmediacións do polideportivo. As oficinas do Rallye e a Dirección de Carreira estarán ubicadas no edificio Multiusos.
En canto ao desenvolvemento da proba, o venres, 21 de setembro ás 20 horas, será o treito Castro de Beiro cun percorrido de 5,12 quilómetros. Ao día seguinte, será a quenda para os treitos Maceda-Baldrei (11,64 quilómetros), San Miguel–Luíntra (10 quilómetros), Caxide–Cerreda (7,70 quilómetros) e Vilanova–Luíntra (10,37 quilómetros).