As obras de saneamento e abastecemento de Seadur, no concello de Larouco, rematarán a finais de abril ou principios de maio. Así llo aseguraba a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, ao alcalde da localidade, Joaquín Bautista Prieto, na xuntanza de traballo que mantiñan en Santiago de Compostela.
Tal como adiantan dende a consellería, a actuación, na que se investiron máis de 430.000 euros está rematada e, agora mesmo, estase a realizar a reposición dos servizos afectados. En concreto, os traballos consistiron na posta en marcha dunha rede unitaria de saneamento, unha rede de abastecemento e unha nova EDAR para 250 habitantes equivalentes.
O alcalde aproveitou a xuntanza para trasladar ao departamento autonómico outras demandas, como a construción dun novo depósito de auga para Freixido, unha actuación que se comprometeron estudar dende a consellería.