ConcellosQuirogaÚltima hora

O alcalde de Quiroga Julio Álvarez (PP) anuncia que non se presentará ás vindeiras eleccións municipais

Leva gobernando o municipio 36 anos con maiorías absolutas

O alcaldade de Quiroga, Julio Álvarez./ Foto: Concello de Quiroga.

 

Tras 36 anos de goberno con maioría absoluta en Quiroga –9 lexislaturas-, o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, vén de anunciar a través dunha nota de prensa que non se presentará como cabeza de lista nas próximas eleccións municipais. Motivos persoais (a súa xubilación laboral) e unha actividade no mundo empresarial axudaron a tomar esta decisión na que pesou sobre todo a idea de que tras moitos anos “é o momento de dar un paso ao lado para deixar que xente nova e con ideas frescas asuma o temón da vida municipal de Quiroga”.

O popular Julio Álvarez gañou as nove lexislaturas (1987, 1991, 1995, 1999, 2003, 2007, 2011, 2015 e 2019) cunhas maiorías que roldaron o 70% dos votos e incluso no seu terceiro mandato foi elixido polo 82´5% dos votantes.  Converténdose no alcalde de municipios de menos de 3.000 habitantes de toda España que máis anos se mantivo no seu cargo.

Aparte de ser o alcalde de Quiroga, Julio Álvarez, é tamén o presidente do Partido Popular a nivel local, actualmente forma parte da executiva do Partido Popular de Galicia e da executiva provincial. Forma parte tamén da directiva da FEGAMP e representa aos municipios con menos de 5.000 habitantes na Comisión Galega de Seguridade, na Comisión de Urbanismo de Galicia, no Consello Escolar Galego e na Comisión de Turismo de Galicia.

Unha carreira política na que ao longo destes anos foi Vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo durante 8 anos (baixo o mandato de Francisco Cacharro), Deputado durante 16 anos, delegado do psiquiátrico de Castro Ribeira de Lea durante 4 anos, Secretario de Política Municipal de Galicia (en mandato de Manuel Fraga),  portavoz e vicepresidente de Desarrollo Local na FEMP durante 11 anos e presidente fundador da actual FEGAMP.

Tras este longo mandato di que deixa a Quiroga convertida nunha “pequena cidade”, con todos os servizos que esta ofrece aos seus veciños, sen esquecer os 121 núcleos de poboación cos que conta o municipio. Nos inicios do seu mandato ao fronte da alcaldía foi cando se asfaltaron os accesos a todos os núcleos de poboación e se formigonaron todas as rúas, dotáronse todos de alumeado público e de teléfono público naqueles núcleos de máis de 10 habitantes. Despois viría a dotación de centros sociais nos núcleos de máis de 40 veciños.

“A vila quiroguesa deu un xiro total durante estes 36 anos. Urbanizouse toda a entrada (zona do Polpiñeiro) creando un barrio novo con máis dun cento de vivendas, construíronse catro parques infantís homologados, humanizouse a vila creando zonas verdes e dotando as rúas de árbores e mobiliario urbano. Nestes 36 anos construíuse un novo cuartel da Garda Civil, máis de 40 vivendas de protección oficial (en San Xulián e na zona do cuartel), o Centro Social da Terceira Idade e o Centro Social da Ribeira,  a Casa da Cultura, o Auditorio Municipal, o Museo Xeolóxico, o Museo Etnográfico e o pavillón polideportivo; e rehabilitouse a antiga Escola Fogar para convertela nun albergue con 115 camas”, segundo lembra, facendo un percorrido estenso polos diferentes proxectos levados a cabo dende o goberno local como dotar ao municipio dunha Residencia da Terceira Idade, dun Centro de Día e púxose en marcha un centro de Atención Temperá e Post- Temperá, pioneiro en toda Galicia, modernos centros educativos construíndo un novo CEIP, un Instituto (que funcionaba nun edificio privado) e unha Escola Infantil.

Ademais, construíuse a praza de España con aparcamentos subterráneos, tres céntricas rúas, aparcamentos ao aire libre (incluíndo un para autocaravanas) e remodeláronse dúas veces as piscinas municipais. Rehabilitouse a praza Maior, o casco antigo da vila e a antiga cárcere comarcal para transformala nun centro de formación no que se imparten cursos de formación e se atende o ARI que leva en funcionamento unha ducia de anos. Construíuse o complexo turístico de Augas Mestas e o matadoiro comarcal e púxose en marcha o Polígono Industrial.

Tampouco se esqueceron durante todos estes anos os produtos da economía local. Cambiouse a ubicación da Feira do Viño dándolle un perfil máis actual ao que era unha exaltación do viño e as castañas converténdose nun evento dos máis importantes de Galicia. Púxose en valor o aceite, recuperándose o seu cultivo e a súa tradición, e conseguiuse que a Mostra do Aceite sexa recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. Sendo tamén o primeiro concello en celebrar a Mostra do Mel, poñendo así en valor este outro produto.

Julio Álvarez destacou este último mandato como “dos máis importantes en xestión”, coas melloras na traída de auga (na que se pasou de dar servizo a 500 veciños a 2.450 con auga traída do rio Ferreiriño, cunha inversión de  400.000 €) e cos investimentos actuais para a realización dunha nova praza no corazón administrativo e comercial da vila, a apertura dunha nova rúa e a creación dun cemiterio comarcal.

O actual rexedor de Quiroga quixo deixar claro que aínda que non se presente ás próximas eleccións do mes de maio “seguirei asumindo as miñas responsabilidades políticas e administrativas ata que haxa un novo equipo de goberno”. Para rematar “agradecendo profundamente a todos os veciños de Quiroga e ás distintas directivas do Partido Popular Provincial e de Galicia (empezando por Gerardo Fernández Albor, seguindo por Manuel Fraga e Alberto Núñez Feijoo e rematando por Alfonso Rueda, ao que me une unha amizade), a confianza que depositaron en min durante estes 36 anos”.

Artigos relacionados

Back to top button