En portadaÚltima hora

O ano hidrolóxico 2023-24, o segundo máis húmido desde 1980-81 na conca Miño-Sil

Os encoros da demarcación pechaban o ano hidrolóxico ao 63,71 % da súa capacidade máxima

O río Sil ao seu paso polo Barco./ Foto: A.R.

 

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS) fai balance do ano hidrolóxico 2023-2024 que destaca como 2º máis húmido desde 1980-81. Neste senso, os meses de outubro, novembro, marzo e setembro poden cualificarse como moi húmidos; febreiro, maio e xuño como húmidos; decembro, xaneiro, abril e xullo como normais; e, unicamente, agosto como moi seco.

Por outra banda, o ano hidrolóxico 2023/24 comezaba con precipitacións elevadas, o acumulado de outubro e novembro foi o máximo da serie histórica, provocando os eventos de avenida máis importantes do período.

“Desde principios de decembro as precipitacións foron abundantes pero distribuídas tanto espacial como temporalmente, dando lugar a eventos de baixa entidade que evitan danos materiais e favorecen a recarga da reserva hídrica na demarcación, é dicir, a porcentaxe de enchido de encoros, os niveis piezométricos e os caudais circulantes, que mantiveron durante a maior parte do ano os valores por encima da media”, sinalan dende o organismo de conca.

En relación coa distribución da precipitación polos diferentes territorios da demarcación, o ano foi moi húmido en todas as unidades territoriais (Miño Alto, Miño Baixo, Cabe, Sil Superior e Sil Inferior) fóra da Limia, unidade que rexistrou o máximo de precipitación da serie histórica, polo que o ano catalógase como extremadamente húmido.

Encoros

Ao peche do ano hidrolóxico os encoros están ao 63,71 % da súa capacidade máxima. Este volume é un 3,90 % maior que a cantidade de auga embalsada hai un ano, 59,81 %, e un 9,40 % maior que a enchida media histórica nestas datas, 54,31 %.

O volume actual representa o segundo valor máis elevado da serie histórica (1999/00 – 2022/23) só por detrás do ano 2009 que a fin de ano hidrolóxico presentaba un enchido do 65,52%. As altas precipitacións permitiron que a reserva de auga encorada alcanzase valores máximos durante as distintas épocas do ano: novembro, maio, e o período comprendido entre finais de xullo e mediados de setembro.

Caudais e achegas

No relativo aos caudais circulantes na demarcación, a data 30 de setembro atopábanse de media un 80% por riba da media histórica. Ao peche do ano hidrolóxico anterior a porcentaxe era dun 30 %.

Respecto aos niveis piezométricos nas augas subterráneas da conca, pechouse en valores practicamente iguais á media, un 0,2 % por baixo da media.

“Estas precipitacións tan elevadas producíronse moi repartidas tanto temporal como territorialmente, o que contribuíu a incrementar a recarga das nosas augas subterráneas, o enchido dos encoros e a aumentar o caudal circulante dos nosos ríos. Estas circunstancias melloran o estado das masas de auga superficiais e subterráneas e evitan a súa deterioración, posibilitando, ademais, a atención das demandas de auga para os diferentes usos socioeconómicos, sendo estes os obxectivos principais da planificación hidrolóxica”, tal e como sinalaba Carlos Ruiz do Portal, xefe da Oficina de Planificación Hidrolóxica da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Artigos relacionados

Back to top button