49 Rallye Ourense TermalDeportesEn portadaÚltima hora

O aragonés Cristian García gaña o 49 Rallye de Ourense

Iván Ares e Pedro Burgo completan o podio nunha entrega de trofeos que volve enxalzar o Parque de San Lázaro
O podio estivo formado polo equipo García-Liso, seguido de Ares-Pintor e os irmáns Burgo.
O podio estivo formado polo equipo García-Liso, seguido de Ares-Pintor e os irmáns Burgo.

Cun claro dominio durante toda a carreira. Así se resume a vitoria acadada por Cristian García (Mitsubishi Lancer) esta fin de semana no 49 Rallye de Ourense-Ourense Termal (49ROU). O piloto aragonés alzouse co ouro no Parque de San Lázaro tras obter as mellores marcas en seis dos once tramos. Pecharon o podio o coruñés Iván Ares (Porsche 911) e o lucense Pedro Burgo (Porsche 911). No caso dos pilotos ourensáns, a marca máis alta obtívoa Iago Silva, a bordo dun Peugeot 208.

Cristian García dominou a proba de principio a fin co seu Mitsubishi Lancer.
Cristian García dominou a proba de principio a fin co seu Mitsubishi Lancer.

Chegou a Ourense sendo líder na clasificación xeral do Campionato de España e acaba de consolidar a súa posición tras a celebración desta proba, que xa é a sexta da tempada. Pese a ter algún contratempo durante a primeira pasada do tramo de Toén, Cristian García mantivo os tempos até acadar a vitoria.

Porsche acadou doble podio no Rallye de Ourense.
Porsche acadou doble podio no Rallye de Ourense.

Por outra banda, Ares fixo unha boa remontada, pois partía de postos anteriores e, tras imporse en catro dos tramos, logrou posicionarse co seu Porsche 911 en segunda plaza. Outorgando un doble podio a esta casa, o lucense Pedro Burgo obtivo a terceira mellor marca tras ser o máis rápido no Canón do Sil. Deste xeito, mantense segundo na clasificación xeral.

O ourensán Iago Silva acadou a mellor marca entre os participantes locais.
O ourensán Iago Silva acadou a mellor marca entre os participantes locais.

En canto aos pilotos locais, o mellor resultado correspondeu a Iago Silva, que a bordo dun Peugeot 208 cumpriu expectativas. Esta xove promesa da Escudería Barbadás aspira a dominar a categoría R2, algo que o mantén entusiasmado. Ademais, tal e como recoñeceu, xogar na casa fai sentir mellor “o calor dos teus”.

Outros corredores de primeira liña, como Sergio Vallejo ou Alberto Monarri non tiveron tanta sorte. Así, Vallejo rematou cuarto co seu Citröen DS3 e Monarri (Mitsubishi Lancer) sufriu un pinchazo que o fixo botar atrás na pugna pola vitoria.

Miles de afeccionados vibraron co espectáculo de motor celebrado esta fin de semana na provincia.
Miles de afeccionados vibraron co espectáculo de motor celebrado esta fin de semana na provincia.

A proba discorreu tranquila en xeral. Os principais competidores coincidiron á hora de sinalar a dureza das probas e recoñeceron o labor desenvolvido pola organización, a Escudería Ourense. Problemas técnicos a parte, tamén cabe reseñar que tres pasadas das once que se correron tiveron que ser neutralizadas por diversas circunstancias: a primeira pasada por Toén e as segundas por Maceda e o Canón do Sil. Os afeccionados frustráronse especialmente con esta última, por ser unha das etapas máis vistosas da carreira, que se viu truncada co accidente do Peugeot 208 pilotado por Adrián Chavez.

O público non se perdeu esta cita, que este ano se levou mellor en canto a meteoroloxía se refire. Pese a que as temperaturas se mantiveron frescas até ben entrado o mediodía –con algunha precipitación feble a primeras horas- o día acabou abrindo sen calor excesivo, co que animou aos afeccionados ao motor a facer un seguimento intenso do 49ROU.

Texto: Sara Fontenla
Fotos: Carlos G. Hervella

Artigos relacionados

Back to top button