CulturaCulturaÚltima hora

O Arqueolóxico ourensán celebra o Día Internacional dos Museos

Ao longo de cinco días despregará un variado programa de concertos, exposicións, visitas guiadas ou conversas
Cartaz da celebración do Día Interancional dos Museos no arqueolóxico ourensán.
Cartaz da celebración do Día Interancional dos Museos no arqueolóxico ourensán.

“Museos para unha sociedade sostible”. É o lema en torno ao que se celebrará dende o 18 ata o 22 de maio o Día Internacional dos Museos no Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Con este fin desenvolverase un amplo e variado programa que comezará na noite do día 18 con “Concerto de Dous”, da man de Fernando Abreu (clarinetista), Pablo Carrera (guitarrista) e Marcos Vázquez (batería). Será a partires das 21h. no claustro do museo e con entrada libre ata completar aforo.

Ademais o 19 de maio ás 12h. presentarase a exposición “Propostas arquitectónicas presentadas para a rehabilitación do edificio do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense” na praza Maior (museo arqueolóxico). Ao día seguinte, 20 de maio, terá lugar unha visita guiada ao Parque de San Lázaro para o Centro de Maiores de Abanca (ás 12h.) e xa ás oito da tarde, na Sala de exposicións de San Francisco, procederase á presentación da “Peza do Mes”, que nesta ocasión será unha fotografía do devandito parque ourensán.

Ademais para o 21 de maio está programada a presentación da mostra “Castros lucenses: investigación e posta en valor” ás 12h. na Sala de exposicións temporais do Centro da Cultura Castrexa de San Cibrao de Las. E o día 22 museo arqueolóxico (praza Maior) ás 20h. terá lugar a actividade “Conversas no Museo” co Colexio de Arquitectos de Ourense.

Este calendario de propostas completarase con visitas guiadas ao museo ourensán, tanto na praza Maior como no antigo Pazo episcopal, do 19 ao 22 de maio. Para ampliar información ou anotarse poden chamar ao 988 223 884 ou enviar un correo a mapour@xunta.es.

Artigos relacionados

Back to top button