CulturaCulturaÚltima hora

O artista David Lamelas, con orixes en Manzaneda, amosa a súa obra no CGAC en Santiago

Será a súa primeira retrospectiva en España e poderá visitarse ata o vidneiro mes de outubro

 

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) abrirá mañá venres “David Lamelas. Lonxe, América”, a primeira retrospectiva deste artista arxentino, pero con orixes en Borruga (Manzaneda), en España, que permanecerá no centro compostelán ata o 3 de outubro. Así o anunciou hoxe o secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, na rolda de prensa de presentación da mostra, na que estivo acompañado polo artista David Lamelas, o comisario da exposición, Pedro de Llano Neira, e o director do CGAC Santiago Olmo.

Segundo apuntou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, trátase dunha selección de obras que abrangue desde 1962 ata 2021 e que conta con préstamos de 12 museos europeos e norteamericanos, así como de coleccionistas particulares. Deste xeito, “a exposición permite coñecer a evolución da obra de David Lamelas desde os inicios ata a actualidade”, engadiu.

Do seu contido, Anxo M. Lorenzo salientou que documenta os vínculos con Galicia do artista, fillo de emigrantes galegos, e que incide “nun aspecto pouco explorado da súa práctica, como é a importancia do debuxo e do proxecto ao longo da súa carreira”. Ademais, a exposición presenta varias intervencións que entran en diálogo coa arquitectura deste museo que as acolle, deseñado por Álvaro Siza.

O secretario xeral anunciou tamén diversas actividades previstas en relación coa mostra. Así, na mesma data da apertura da exposición, ás 18,00 horas, David Lamelas executará a perfomance Time (1979-2021) coa colaboración das persoas asistentes. A continuación, terá lugar no auditorio unha conversa entre o artista e o comisario da exposición, para cuxa asistencia cómpre inscribirse previamente. A estas propostas engádenselles as visitas guiadas de balde que se organizan cada domingo ás 12,00 horas, realizadas por mediadoras especializadas en arte contemporánea.

A maiores, con motivo da exposición, segundo adiantou Anxo M. Lorenzo, o CGAC ten prevista a edición de dous volumes. Trátase, por unha banda, dun catálogo cunha colección de textos de David Lamelas, algúns deles inéditos, e outros encargados para a ocasión a historiadores da arte. Nestes últimos, abordaranse distintos aspectos da traxectoria, como son a relación con Galicia, a fotografía, o cinema ou o debuxo. Por outra banda, reeditouse e traduciuse ao galego e ao castelán unha das obras máis emblemáticas de Lamelas, o libro de artista Publication, de 1970.

Artista de influencia internacional

Nado en Bos Aires en 1946, David Lamelas é un dos artistas con maior influencia internacional do seu país. Ao longo da década dos 70 o seu traballo experimentou unha veloz maduración que o impulsou desde a escena artística da súa cidade natal, onde participou en diversas actividades do lendario Instituto di Tella, ata integrarse nas redes da arte conceptual que transformaron radicalmente o paradigma artístico a partir de 1968.

O traballo de Lamelas está xa representado na Colección CGAC pola obra de 2008 Buenos Aires no existe, incorporada aos fondos do museo en 2010 e que antes estivo presente nas principais exposicións que configuraron a neovangarda conceptual (Information, MoMA, 1970; Documenta 5, 1972, e Reconsidering the Object of Art, MOCA, Los Ángeles, 1995).

A obra deste artista foi mostrada de maneira individual no Kunstverein de Münich (1997), no Museo Tamayo da Cidade de México (2004) e, máis recentemente, nas exposicións retrospectivas que se presentaron no University Art Museum de Long Beach (California, Estados Unidos) en 2017, e no MALBA de Buenos Aires en 2018. Ademais, os seus traballos forman parte de prestixiosas coleccións públicas e privadas (os museos MoMA e Metropolitan de Nova York, Centre Pompidou, Tate Modern, MOCA de Los Ángeles, Museo Reina Sofía, Macba, Fundação Serralves…) e foron incluídos en bienais como as de Venecia e São Paulo, en 1967 e 1968, respectivamente, ou, máis recentemente, na Documénta de Kassel de 2017.

Artigos relacionados

Back to top button