
O Auditorio Julio Vázquez de Trives acollerá este mércores 28 de xullo ás 19:30h. un acto no que o artista arxentino, pero de orixes en Manzaneda, Trives e Castro Caldelas, David Lamelas presentará a súa exposición no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), que está comisariada por Pedro del Llano.
“Supón un auténtico privilexio que David escolla o noso pobo para a presentación da súa exposición retrospectiva e que o fai, como todos os que levamos a nosa terra no sangue, que temos aquí as nosas raíces, e que sempre a temos e teremos presente aínda que as circunstancias da vida obriguen, como sucedeu coa súa familia a ser fillos da emigración”, tal e como se destaca dende o Concello de Trives.
Ademais destacábase que “David é un de esos poucos artistas internacionais que traspasan fronteiras, que dende Arxentina, onde é profundamente admirado, desenrola a súa obra para o mundo expoñendo en museos internacionais de primeiro nivel como por exemplo no MOMA de Nova York. Dende o Concello agradecemos a David e facemos público o noso orgullo porque sexa dende aquí, onde abre esa importante exposición que, coincidindo co Ano Santo, ano Xacobeo, será visitada por milleiros de persoas”.
“David Lamelas. Lonxe, América” é a primeira retrospectiva deste artista en España. Xa pode visitarse no CGAC e permanecerá no centro compostelán ata o 3 de outubro. A mostra documenta os vínculos con Galicia do artista, fillo de emigrantes galegos, e incide na importancia do debuxo e do proxecto ao longo da súa carreira. Ademais, presenta varias intervencións que entran en diálogo coa arquitectura deste museo que as acolle, deseñado por Álvaro Siza.