CulturaCulturaSen categorizarÚltima hora

O artista valdeorrés Enrique Fernández Prada expón en Casa Tomada, no Barco

A mostra pictórica 'Inicios' poderá verse ata o 26 de decembro, de 10 a 13:30 e de 17 a 20:30 horas

 

Cando a libraría Casa Tomada abría as portas na céntrica rúa Pérez Lista, 38, no Barco de Valdeorras, facíao como un espazo multidisciplinar, cultural e de lecer, centrado nos libros de segunda man aínda que tamén conta cunha ampla oferta de xogos de mesa novos, cun espazo no que probar algún xogo e incluso tomar un café ou revisar libros de consulta, tendo como obxectivo para o futuro facer do espazo un lugar de exposicións e tamén organizar torneos de xogos e mesmo facer presentacións.

Catro meses despois, cúmprese un destes obxectivos e dende a tarde deste luns 29 de novembro, Casa Tomada acolle unha exposición de pintura titulada ‘Inicios’, cunha serie de cadros do artista local Enrique Fernández Prada (Enris).

 

O artista valdeorrés Enris.

 

“Teño cadros máis grandes, pero para adaptarnos ao espazo, para esta exposición (unha serie sobre o que foron os meus inicios dende a miña formación en Belas Artes), escollimos unhas 15 obras de pequeno formato, a maioría de 50×70, sobre todo óleos pero tamén doutras técnicas como dixital, mixta, en acuarela, máis experimental, algunha litografía,…” explica o propio Enris, asegurando que o que máis lle gusta é o estilo figurativo, centrándose na esencia humana. “O meu traballo xorde sobre todo a partir da imaxe realista pero tamén moi intelectual na que cada trazo está moi meditado, a través da pintura e tamén do debuxo”.

 

Inauguración da exposición ‘Inicios’ en Casa Tomada.

 

Enris asegura que leva pintando toda a vida pero foi no 2014 cando se matriculou en Belas Artes e a partir de aí xa non parou de expoñer e traballar. “Teño o Máster de Profesorado de Debuxo o que me permitiu dar clases de pintura e debuxo en institutos públicos e privados”, explica este pintor barquense, recoñecendo que lle gusta moito a parte artística da profesión pero tamén a docente. “Gústame pintar pero tamén dar clases”, asegura.

Ao longo dos anos e grazas aos diferentes traballos e becas que conseguiu (obtivo unha para estudar en Canadá e outra en Segovia, entre outras), Enris foi recollendo experiencias que plasmar en traballos expostos en numerosas mostras individuais e colectivas. Unha das útimas foi a exposición colectiva “Médulas” en Homenaxe a Paco Yllán, na Estación Arte en Ponferrada (2021) e trala que ten aberta no Barco, xa de cara ao ano 2022, exporá no Museo do Bierzo, dentro da programación cultural de Castela e León. “Será unha mostra de cadros máis grandes nos que estou traballando agora”, avanza.

 

Un dos cadros da exposición.

 

A exposición de Casa Tomada estará aberta ata o 26 de decembro en horario de 10 a 13:30 e de 17 a 20:30 horas. “É un espazo idóneo para facer as compras de cara ao Nadal ao tempo que podes tomar un café e desfrutar da exposición”, convida o artista.

Para máis información: http://www.enrisprada.com.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button