EconomíaEconomíaÚltima hora

O Barco acolle a II Feira de Emprego de Cruz Vermella para “mellorar a inserción laboral dos participantes”

 

O Plan de Emprego de Cruz Vermella traballa, desde hai máis de 20 anos, “para mellorar a empregabilidade das persoas que se atopan máis afastadas do mercado laboral e, para iso, é fundamental a implicación de empresas e sociedade”, explican dende a ONG.

Baixo este paraugas, a organización humanitaria desenvolveu no Barco de Valdeorras unha nova Feira de Emprego de Cruz Vermella, cuxo obxectivo principal é “mellorar a inserción laboral das persoas participantes, ofrecéndolles un contacto directo con empresas que están en proceso activo de incorporación de persoal aos seus persoais”.

Nesta ocasión, participaron máis de medio centenar de persoas que se achegaron á sede de Cruz Vermella para coñecer máis detalles sobre o Plan de Emprego, ademais de profundar en elaboración de CV ou facer entrevistas coas empresas que acudiron á cita. En concreto, a organización humanitaria contou coa colaboración de quince representantes de diferentes empresas con actividade na comarca, como Cafersa, Domus VI, Fundación San Rosendo, Fundación Valdegodos, Nortempo, Mantenlor ou Vegalsa.

Esta é a segunda Feira de Emprego que Cruz Vermella organiza na localidade. Na primeira, celebrada o pasado mes de xullo, contou coa colaboración de 14 empresas dos sectores socio-sanitario, limpeza, comercio, lousa e construción, así como con máis de 50 persoas de perfís diferentes que se atopaban buscando novas oportunidades laborais.

Os proxectos do Plan de Emprego de Cruz Vermella van dirixidos incrementar a empregabilidade a través da orientación e a formación. Tamén leva a cabo un importante labor de intermediación coas empresas que necesitan profesionais e apostan por brindar unha oportunidade a quen máis o necesitan. Para levalo a cabo, os proxectos Itinerarios laborais que Suman e Reto Social Empresarial que organizaron a acción, contan co apoio das administracións públicas, a través dos programas operativos de emprego financiados polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social e o Fondo Social Europeo.

Artigos relacionados

Back to top button