En portadaÚltima hora

O Barco acollerá a Xornada 3 da Liga Galega de Karate

O campionato galego celebrarase o 15 de abril no pavillón de Calabagueiros en sesión de mañá e tarde

 

Levaban tempo intentando traer para Valdeorras unha proba de nivel autonómico e por fin conseguírono. Da man da Federación Galega de Karate, do Club River Stone e do Concello, do Barco o vindeiro 15 de abril o pavillón de Calabagueiros acollerá a Xornada 3 da Liga Galega de Karate.

A primeira foi en Ferrol, a segunda en Ribadavia e a terceira será no Barco para as modalidade de kata e kumite en iniciación e avanzado (os que compiten no campionato galego) para as categorías benxamín, alevín infantil e cadete. “Por historia, por tradición e por resultados (en Ribadavia o River Stone quedaba 3º no ranking), O Barco merece ter un campionato deste nivel”, aseguraba o mestre e seleccionador galego Nicolás Rodríguez, na presentación realizada na mañá deste xoves 30 de marzo no Concello do Barco, contando tamén coa presenza da presidenta do River Stone e do recentemente creado Shotokan A Rúa KC, Raquel Fernández; do alcalde do Barco, Alfredo García; e do concelleiro de Deportes do Barco, Aurentino Alonso.

No acto, Nicolás Rodríguez asegurou que no Barco faise karate de nivel, non só galego senón tamén nacional polo que é un orgullo poder organizar a xornada aquí. “Para min é un campionato moi desexado porque quería facer algo grande e agora temos a posibilidade”.

 

 

Pola súa banda Raquel agradecía a celebración da proba porque “a Federación Galega está facendo un esforzo para que estas ligas sigan adiante pero sen o esforzo do Concello ao que lle toca organizar a proba isto non podería levarse a cabo e contamos tamén con moitos colaboradores porque hai moita xente en Valdeorras que quere que o karate siga adiante e iso é digno de agradecer”. Tamén destacou a importancia de organizar entre todos este tipo de campionatos para que clubs como o da Rúa que está dando os seus primeiros pasos, poidan estrearse en casa.

O alcalde asegurou que non dubidaron ante a petición posto que “dende o departamento de Deportes sempre colaboramos con todos os clubs para que traian eventos ao Barco que sempre ten un impacto económico na localidade ademais de autopromocionarnos e estamos seguros de que seá un éxito tanto de organización como de participación e resultados”. A ese respecto, Nicolás explicou que a xornada espera reunir a karatekas de todos os clubs galegos, superando os 500 cativos, e que a competición estenderase ao longo de todo día, en sesión de mañá e tarde.

 

 

Fotos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button