
“A mala situación da sanidade pública preocupa e moito en Valdeorras, por iso é o momento de que dende este pleno amosemos a nosa postura”. Así iniciaba o concelleiro do BNG do Barco, Manuel Agra, a defensa da moción que este grupo político presentaba no pleno ordinario do Barco “para instar á Xunta a cubrir urxentemente todas as prazas de médicos especialistas do Distrito Sanitario do Barco de Valdeorras”, na tarde deste 6 de novembro. Unha iniciativa que resultaba aprobada cos votos a favor do PSdeG-PSOE (9), cos do BNG (3) e co voto do concelleiro municipal do PP, Manuel Núñez, fronte ao resto do seu grupo municipal que optaba pola abstención.
A moción nacionalista facía un percorrido pola evolución sanitaria no oriente ourensán, lembrando que “o Hospital Público de Valdeorras -inaugurado en 1984- supuxo un fito transcencental para a veciñanza da comarca. Un servizo vital para a sanidade pública que foi medrando pouco a pouco ata chegar a ser un pequeno gran hospital. Durante anos era un ente autónomo que ofrecía á poboación -practicamente- todos os servizos sanitarios necesarios. O noso hospital chegou a ter 401 traballadores en plantilla, 62 facultativos médicos, xefaturas de servizo e xerencia”.
Tamén explicaba Agra que “o 20 de marzo de 2018 cando o Parlamento galego (só cos votos do PP) aprobou a reforma da Lei de Saúde de Galicia. Valdeorras deixou de ser unha área sanitaria, pasamos a ser un distrito integrado na área sanitaria de Ourense. Comeza, entón, a recentralización do sistema, a perda de servizos sanitarios na comarca e os continuos recortes longamente denunciados. A poboación do rural -a máis envellecida e necesitada de atención- é alonxada da atención hospitalaria. Masifican os hospitais de área o que xera máis listas de agarda e envían os pacientes a centros privados concertados”.
E aludía á situación de “desmantelamento progresivo do noso hospital comarcal” o que “obriga á veciñanza do distrito a trasladarse a Ourense -cento e pico quilómetros- para recibir atención sanitaria pública. Todo o anterior coa agravante do mal estado das comunicacións e a escaseza de transporte público desde a nosa comarca a Ourense”. Por ese motivo, a BNG do BNG pedía “instar á Consellería de Sanidade a cubrir urxentemente todas as prazas de médicos especialistas do Distrito Sanitario do Barco, apoiar as reivindicacións e mobilizacións da Plataforma Sanitaria de Valdeorras, dar traslado destes acordos aos concellos que conforman o distrito sanitario do Barco”.

Maite Estévez (PP): “A Xunta non só mantén, senón que reforza a sanidade de Valdeorras”
A partir de aí interviña a concelleira popular Maite Estévez quen comenzaba asegurando que o seu grupo municipal presentaba en maio nunha moción similar “con diferente nome, iso si, pero con significado máis concreto como as prazas MIR, solicitando ese aumento de prazas a quen si lle competía, ao goberno central. E vostedes votaban en contra”, dicía referíndose ao BNG, “pois ben o hospital do Barco sofre as consecuencias do déficit de profesionais sanitarios que padece todo o sistema nacional de saúde e que afecta por igual a todas as comunidades autónomas”. Estévez dicía que “O Barco de Valdeorras é unha prioridade estratéxica para o goberno galego”, e lembraba os incentivos creados para que “este hospital sexa diferente aos demais. A Xunta de Galicia non só mantén, senón que reforza a asistencia sanitaria do Hospital de Valdeorras con novos profesionais, máis investimento, equipamentos de última xeración…”.
A voceira do PP desmarcábase da moción asegurando que o seu grupo “non se vai unir a movementos partidistas, cuxos únicos intereses son políticos e non buscan o ben dos nosos veciños”, aludindo á Plataforma Sanitaria de Valdeorras, “que en lugar de centrarse en mellorar a atención médica úsase como instrumento político para reforzar unha axenda partidista e iso desvía recursos e a atención dos verdadeiros problemas do sistema sanitario”. Por iso, concluía Maite Estévez, “non imos apoiar unha proposta que pon os intereses dun partido por riba da saúde da xente”.

Orlando Saavedra (PSdeG-PSOE): “É evidente que somos periferia, non se perciben as nosas necesidades”
Pola súa banda, o concelleiro de Sanidade do Barco, Orlando Saavedra, incidía en que “os concellos do Distrito de Valdeorras sempre constatamos con preocupación o deterioro progresivo da sanidade pública, a opacidade da xestión dun servizo público de primeira necesidade por parte da Xunta, da Consellería de Sanidade e da Xerencia da Área de Ourense, Verín e O Barco. Creo que son os responsables do abandono da estrutura hospitalaria, dos centros de saúde e de atención primaria, tanto das súas instalacións como dos seus recursos humanos”. E coincidía co concelleiro do BNG en que “a área sanitaria única a nivel provincial non serviu realmente para potenciar a calidade da asistencia sanitaria nas comarcas de Valdeorras, Trives e Viana, a integración só serviu para constatar que somos periferia marxinal e non hai idea de xestión respecto ao noso territorio, non se perciben as nosas necesidades, non hai proxecto de futuro para a sanidade do Distrito do Barco de Valdeorras”.
Saavedra aseguraba que os xestores sanitarios “non escoitan aos profesionais, nin aos pais e mais en ausencia de pediatras, non se escoita as asociacións, nin á cidadanía que se ten manifestado nas rúas do Barco en diversas ocasións, nin aos concellos que como institucións públicas representan aos cidadáns e non temos competencia directa sobre a xestión sanitaria, pero en nome da cidadanía esiximos que se nos expliquen cales son os plans da administración sanitaria, que nos rendan conta da súa xestións, dos seus obxectivos e resultados”. Tamén pedía a creación do Consello de Participación Cidadá, “pero tampouco se forma por iso non é raro que teña que existir unha plataforma que autoxere ese vínculo para poder responder a ese baleiro que a administración produce non cumprindo o seu propio mandato, porque iso está na Lei de Saúde”.
O concelleiro socialista explicaba que para que a “sanidade valdeorresa logre un mínimo de eficiencia, é necesario volver a loitar e saír á rúa, non é un capricho é unha condición necesaria, porque niso vai a nosa saúde e a das nosos veciños”. E concluía respondéndolle á edil do PP sobre o que dicía dos MIR. “As prazas MIR aumentáronse notablemente dende que está o goberno progresista no Estado, e o número de prazas MIR que estamos sufrindo agora porque non existen, son máis de 10.000 prazas que se deixaron de crear no goberno de Rajoy, cando Ana Pastor era ministra de Sanidade. Se esas prazas as tiveramos hoxe, non estaríamos na crise de prazas actual”.

Finalmente votábase a moción, que lograba o respaldo dos concelleiros socialistas, dos nacionalista e tamén dun dos edís do PP, Manuel Núñez, que rompía a liña de voto do seu partido, que se abstiña. Tras a votación, Manuel Núñez explicaba o seu voto. “Eu deixen moi claro aquí sempre que penso que ao hospital non se lle está tratando como é debido, que o conselleiro descoñece a nosa terra e estou aquí como concelleiro para defender a este pobo, O Barco, e a Valdeorras, porque é o hospital da comarca. Entón penso que hai que ser un pouco máis serios e que nos traten como nos merecemos, e non abandonándonos”. Esta é a segunda ocasión na que Manuel Núñez vota nun sentido diferente ao do seu partido, a primeira era nunha moción presentada en setembro para apoiar as reivindicacións tras a vaga de incendios en Valdeorras.

Moción relativa á reivindicación do día 25 de novembro
Por outra banda, o grupo municipal do BNG do Barco tamén defendía no pleno unha moción relativa á reivindicación do día 25 de novembro e á necesidade de incrementar os recursos públicos para facer fronte á violencia machista. Da súa exposición encargábase Noa Fernández.
No acordo da mesma, que resultaba aprobada por unanimidade, pedían o respaldo da Corporación para “instar a Xunta de Galiza a adoptar as seguintes medidas: Atender as recomendacións e deficiencias sinaladas polo Consello de Contas no seu Informe de fiscalización das actuacións para a prevención integral da violencia de xénero na Comunidade Autónoma no período comprendido entre 2018 e 2022 e, singularmente, pautar o incremento de persoal, o incremento do orzamento destinado a prevención e sensibilización, a planificación dos procesos de contratación e subvencións con publicidade e concorrencia e a aprobación dun plan estratéxico específico para a loita contra a violencia machista”.
E, en segundo lugar, a “impulsar un novo marco regulamentario e orzamentario, incrementando a súa contribución, para os Centros de Información á Muller co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM”, así como “reinternalizar no sistema público os centros de crise 24 horas para a atención de mulleres vítimas de violencia sexual e blindar a prestación deste servizo con cadros de persoal suficientes para garantir a atención presencial así como aprobar, para a súa posta en marcha no ano 2026, unha axuda periódica específica para vítimas de violencia sexual”.