“Temos que animar á xente a que se sume a este proxecto porque cantos máis asociados sexamos, teremos máis forza”, aseguraba o presidente do Barco Centro Comercial Aberto (CCA), Ángel Álvarez, na súa intervención na asemblea anual que esta entidade celebraba na tarde do 29 de outubro. Neste labor xa se vén traballando nos últimos meses e froito dese esforzo lográronse 15 novas altas. A intención é continuar por esa liña.
Ademais na xuntanza facíase un balance da actividade desenvolvida no último ano, incidindo na aposta por realizar novas actividades, e cunha periodicidade case mensual, que tiveron unha gran acollida entre o público como foron o “Teatro nos escaparates”, a “Noite branca” ou un obradoiro de cociña infantil, entre outras.
Neste senso, o presidente destacou a importancia de continuar incorporando asociados para lograr mellorar e ampliar o labor dinamizador que se desenvolve dende o CCA e que, tal como recordaba, foi destacado nunha entrevista da directora xeral de Comercio, Sol Castro, publicada no Periódico O Sil. “É un dos máis dinámicos de Galicia”, aseguraba Sol Vázquez. Tamén agradeceu o apoio que se recibe dende o Concello do Barco e dende a Dirección Xeral de Comercio, así como o traballo da xunta directiva da asociación, “sen o seu empeño e ilusión, sería imposible sacar adiante os proxectos”.
No decurso da asemblea tamén se aprobaban as contas do CCA e se facía unha homenaxe a modo de despedida a Manuel Miranda, vicepresidente, “que tras dez anos formando parte da xunta directiva do CCA deixa o cargo”, dicía Ángel Álvarez en medio dos aplausos dos asistentes.
Así outro dos puntos da orde do día da reunión era a ratificación por parte da asemblea do nomeamento dun novo vicepresidente e dun novo vogal, cargos que foron asumidos por María Ángeles Rodríguez Pérez e por Cristel Sánchez León, respectivamente.
Ademais nesta asemblea a directiva do CCA quixo apostar por divulgar o valor do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra (Rubiá) o único que existe na comarca de Valdeorras e un dos tres da provincia de Ourense. Así no acto de clausura contouse con Alfonso Fumega, técnico do servizo de Conservación da Natureza en Ourense, quen lembrou os comezos deste espazo protexido, declarado como parque no ano 2002, así como o seu marco normativo para, de seguido, detallar as diferentes zonas de protección coas que conta e os valores naturais, de fauna e flora que o fan único en Galicia, entre eles a súa importante rede de covas, os seus cortados que nalgúns casos superan os 200 metros de altitude e a gran presencia de ecosistemas de carácter mediterráneo.
Ao remate da asemblea, que se desenvolvía no edificio multiusos do Barco, servíanse unha serie de pinchos entre os participantes. Tamén se contaba coa presenza do alcalde do Barco, Alfredo García.
Texto: Ángeles Rodríguez