CD BarcoDeportesFútbolÚltima hora

O Barco completa o terceiro test da tempada cun empate ante o Atlético Bembibre

Co 2-2 remataba o partido disputado na tarde deste mércores 25 de agosto en Calabagueiros

 

Coa estrea do seu himno, un tema de marcado estilo rockeiro que despois de case 50 anos pon voz ao conxunto vermello, o CD Barco enfrontábase na tarde deste mércores 25 de agosto ao Atlético Bembibre no que sería o terceiro test de nivel da pretempada.

Un partido disputado no campo barquense de Calabagueiros no que tamén se estreaban nesta campaña, Ivi Vales e David Álvarez, dous veteranos do club barquense e autores dos dous goles locais.

 

O presidente do Barco, Nilo Ramos con membros da directiva.

 

O encontro comezaba ás oito da tarde sendo o propio Ivi quen adiantaba aos vermellos no marcador. Malia ser un amigable, os leoneses non estaban dispostos a ceder terreo empatando pouco despois, antes da pausa de hidratación necesaria debido ás altas temperaturas.

Co 1-1 no marcador chegaba o tempo de descanso e tralo paso polo vestiario, repetíase en esencia o xogo e resultado da primeira metade do partido. David Álvarez volvía adiantar aos de Javi Rey no marcador pero minutos despois os visitantes volvían responder con contundencia marcando o segundo tanto.

Neste partido o que fora membro do club barquense durante 10 tempadas, Omar Navarro, regresaba a Calabagueiros aínda que nesta ocasión xogando no equipo rival, trala incorporación nesta campaña ao conxunto leonés. Malia xogar no outro equipo, Omar foi ben recibido polas amizades que ten no Barco.

 

 

E así, co 2-2, remataba o terceiro partido amigable para o CD Barco no que vai de tempada, o terceiro empate, aínda que nos outros dous non estreaban o marcador con dous empates consecutivos a ceros, ante o Arnoia e ante o Astorga. A seguinte proba será o vindeiro sábado contra o CD Arenteiro que este ano competirá en Segunda RFEF.

Fotos: Carlos G. Hervella.

 

 

Artigos relacionados

Back to top button