En portadaGalerías de fotosÚltima hora

O Barco, contra a violencia de xénero

A praza do Concello acollía unha concentración para rexeitar este tipo de violencia e pedir medidas para lograr a súa erradicación

Multitude de persoas de diferentes idades e con prendas negras concentrábanse na praza do Concello do Barco no mediodía do 25 de novembro para amosar o seu rexeitamento á violencia de xénero. Soaba ao violoncello a melodía de “Negra Sombra” e, tras ela, a concelleira de Cultura do Barco, Margarida Pizcueta, daba lectura ao manifesto para conmemorar o 25 de novembro “Día Internacional contra a Violencia de Xénero” no que se expresa á repulsa a este tipo de violencia e tamén “a nosa obriga de traballar ata conseguir a súa erradicación. Temos a convicción de que a tolerancia cero cara a violencia contra as mulleres debe ser un valor e como tal defendido pola sociedade no seu conxunto”.

No manifesto tamén se incidía en que é tempo de “abordar solucións, con votade política e con decisión, unha resposta firme da sociedade, partidos políticos e institucións fronte á violencia machista” e destacábase que a edución é un campo que “non se debe descoidar”

Entre os asistentes estaban membros do equipo de goberno municipal (PSdeG-PSOE), encabezados polo alcalde Alfredo García, así como dos grupos da oposición (PP e Riada Cidadá), ademais do deputado autonómico Moisés Blanco, e representantes do BNG en Valdeorras. Había asemade numerosos escolares de centros públicos e privados da vila.

Nesta ocasión varios concellos valdeorreses (O Barco, A Rúa, Petín, Vilamartín) decidían impulsar unha programación conxunta con motivo desta data baixo o lema “Valdeorras en negro”. Ademais de diversas accións nos centros, tamén se implicaba o comercio e repartíanse camisetas alusivas ao lema desta campaña contra a violencia de xénero.

Por outra banda, tamén outros colectivos da vila conmemoraban esta data. É o caso da Asociación de Mulleres Rurais de Veigamuíños (foto final da galería, cedida).

Fotos: Ángeles Rodríguez.

Máis información sobre outros actos desta conmemoración:
O Barco: IES Martaguisela:
https://osil.info/alumnos-e-profesores-ies-martaguisela-fan-un-video-contra-violencia-de-xenero/
A Rúa: https://osil.info/acto-contra-violencia-de-xenero-na-rua/
Vilamartín: https://osil.info/concentracion-e-charla-informativa-contra-violencia-machista-en-vilamartin/

Artigos relacionados

Back to top button