DeportesNataciónÚltima horaVídeos

O Barco de Valdeorras abre o Día do Cristo cun refrescante chapuzón festivo no Sil

 

Nada mellor que un bo e refrescante chapuzón para comezar o día grande das Festas do Cristo, no Barco de Valdeorras. Así o facían os preto de 60 intrépidos que na xornada deste luns 14 de setembro participaban na 32º edición do Madrugón, baixando a nado polas frías augas do Sil dende a Capitana ata o Malecón. Unha tradición e un dos sinais de identidade das festas grandes do Barco que en maior ou menor medida, con máis ou menos nadadores, mantense viva tres décadas despois do seu nacemento.

 

 

Máis que unha proba competitiva, este chapuzón festivo é unha actividade lúdica na que os participantes desfrutan, aínda que tamén pasen frío. Todo é moi rápido e acompañados polos membros de Protección Civil (tamén colabora a Policía Local do Barco), ás 8 da mañá comezaba a baixada ata completar os escasos 300 metros de distancia. Entre os participantes, coma sempre Aurentino Alonso, acompañado coma sempre pola concelleira de Cultura Margarida Pizcueta que entregaba unha toalla aos nadadores conforme ían saíndo da auga.

 

 

 

Despois, coma sempre o premio máis gratificante é un bo chocolate con churros e tamén caldo e bica, servido un ano máis pola Churrería A General no pavillón vello, despois da entrega dos premios. O primeiro nadador foi un ano máis Pablo Israel Rodríguez; e a primeira muller de novo Amparo Rodríguez; e os primeiros menores de 15 anos foron Marcos Calvo que tamén repetía e Martina García. Tamén houbo premios para a familia máis numerosa, un ano máis a dos Careca; para o club con máis nadadores, de novo o Club Natación Valdeorras; para o conxunto de traxes de baño máis orixinais que levaron Súper Mario e Luigi; e traxes máis orixinais, feminino e masculino, para dous mozos que ían disfrazados como de bailarines. Ademais, houbo premio para dous participantes que fixeron o percorrido cun sombreiro pirata.

 

 

Fotos e vídeo: O SIL.

Back to top button