En portadaÚltima hora

O Barco e a Subdelegación do Goberno renovan o convenio de seguimento integral dos casos de violencia de xénero

Na actualidade neste concello valdeorrés hai activos no sistema VioGen 18 casos deste tipo, dos cales dous presentan risco medio, catro presentan risco baixo e doce presentan risco non apreciado

 

Na reunión da Xunta Local de Seguridade do Barco celebrada este 9 de marzo (baixo a presidencia do alcade do Barco, Alfredo García, e do subdelegado do Goberno en Ourense, Emlio González) acordábase renovar o Convenio de Seguimento Integral dos casos de Violencia de Xénero, que será asinado polo Concello co Ministerio de Interior para regular a presenza da Policía Local no sistema Viogen. O Concello de O Barco xa participa dende o ano 2011 no sistema operativo Viogen, aínda que dende 2006 vén traballando en colaboración co Goberno central na erradicación da violencia de xénero.

A través do sistema Viogen a Policía Local dispón de maior información sobre todos os casos activos de violencia machista, de tal maneira que os propios policías locais pasan a asumir o seguimento e control dalgúns destes casos, considerados de nivel de risco baixo ou de risco non apreciado, mentres que a Garda Civil se encarga do seguimento do resto de casos. O número de casos activos asignados á Policía Local será como máximo do 50% do total dos existentes no Concello, non superando a cifra de vinte vítimas.

Na actualidade en O Barco hai activos no sistema VioGen 18 casos deste tipo, dos cales dous presentan risco medio, catro presentan risco baixo e doce presentan risco non apreciado, segundo informa a Subdelegación. En canto ás medidas xudiciais todos os casos contan con medidas de prohibición de aproximación e comunicación.

Por outra banda, os representantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado informaron da evolución relativa á seguridade cidadá do concello, na que se constatou un lixeiro incremento dos delitos leves contra o patrimonio, debido fundamentalmente ao incremento das estafas realizadas a través de Internet e das novas tecnoloxías.

Emilio González trasladou aos representantes das Forzas e Corpos de Seguridade presentes na reunión o seu agradecemento polo traballo e polo esforzo desenvolvido, incidindo na importancia de “manter a excelente coordinación existente entre todas as forzas para seguir contribuíndo a que O Barco de Valdeorras sexa un concello con baixos índices de criminalidade no contexto provincial”.

Á reunión de hoxe tamén asistiron a xefa da Unidade de Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias Gil; o xefe territorial da Consellería de Presidencia, Manuel Pardo Cid; responsables da Garda Civil e da Policía Local; e outros representantes do Concello.

Plan director

Como resposta á Comisión Provincial de Ourense do Plan Director, creada o pasado 3 de marzo, a Xunta Local de Seguridade introduciu como outro dos puntos da orde do día o Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas para lograr unha maior coordinación.

Impulsarase a implicación da comunidade educativa, dos proxenitores e do alumnado para incrementar nos centros escolares de O Barco o número de charlas informativas dos equipos especializados das Forzas e Corpos de Seguridade sobre o uso das novas tecnoloxías, sobre o acoso escolar, sobre a violencia de xénero, sobre a prevención de condutas aditivas (consumo de alcohol e drogas, así como ludopatía) e outras actividades.

Igualmente se reforza con vixilancia da Policía Local e da Garda Civil nas inmediacións dos centros escolares para combater e previr o tráfico, consumo e tenencia de drogas, así como todo tipo de condutas violentas.

 

Artigos relacionados

Back to top button