ConcellosGalerías de fotosÚltima hora

O Barco incorpórase ao Programa de Vivendas Baleiras

Concello e Xunta asinan un convenio para a creación dunha bolsa de vivendas sociais con inmobles desocupados destinados a familias con dificultades

Crear unha bolsa de vivendas baleiras para alugueiro social, incorporando as vivendas de organismos, particulares e empresas que non se atopen habitadas contando. Ese é o obxectivo prioritario do Programa Vivendas Baleiras ao que vén de incorporarse o Concello do Barco trala sinatura do convenio coa Consellería de Infraetruturas e Vivenda.

A conselleira, Ethel Vázquez e o alcalde do Barco, Alfredo García, sainaban o acordo na mañá do martes 2 de agosto no concello barquense. No acto, a conselleira explicou que se trata de que o alugueiro resulte de interese, tanto para o arrendador como para o arrendatario “que ao propietario lle compense incorporar a vivenda baleira a este programa pola renda que vai recibir e que o beneficiario pague un alugueiro asequible que é compatible, ademais, con outras axudas que poida percibir, tanto do Concello, como da Xunta”. O prezo máximo da renda do aluguer fixado polo convenio é de 300 euros, e a contía virá determinada polas características da propia vivenda e polas circunstancias particulares dos beneficiarios.

O alcalde do Barco, pola súa banda asegurou que este convenio tenta “romper con esas reticencias dos propietarios dos inmobles a poñelos en aluguer a familias en risco, coa incorporación de dous seguros por parte da Xunta tanto para cubrir os desperfectos como para garantir o pago do aluguer. Nós a partires de hoxe darémoslle publicidade ao programa para que a xente que teña unha vivenda e queira incluíla no programa pase polo Concello”.

Na actualidade, 41 concellos de Galicia xa teñen solicitado formalmente a súa adhesión ao programa, nove deles na provincia de Ourense, incluídos os da capital e o do Barco, que xa teñen asinado o acordo.

Fotos: Carlos G. Hervella.

Artigos relacionados

Back to top button