EconomíaEconomíaEn portadaÚltima hora

O Barco investirá 115.000 euros nunha campaña de apoio ao comercio e á hostalaría

A cantidade aprobábase en pleno por unamidade e supón o primeiro paso de cara a poñela en marcha coa vista posta no Nadal

Imaxe do centro do Barco.

 

Entre os puntos abordados na sesión plenaria ordinaria que a Corporación barquense celebraba na tarde do 5 de novembro figuraba unha modificación do orzamento do Concelo mediante crédito extraordinario para destinar 115.000 euros a unha campaña de dinamización do sector do comercio e da hostalaría. Consistirá na distribución de tarxetas cun valor de 50 euros, dos que o Concello aportará 20 euros e os 30 euros restantes poraos o consumidor. Serán como máximo 5.000 tarxetas, polo que se prevé mobilizar un total de 250.000 euros nos establecementos comerciais e hostaleiros do Barco.

Este punto saía adiante por unanimidade no pleno. “Os 115.0000 euros aprobados inclúen a posta en funcionamento e os gastos derivados do que significa toda a edición e utilización das tarxetas, máis a subvención que se dá para as mesmas, un total de 100.000 euros, que van ir directamente ao comercio, a mover o circuíto económico”, explica o concelleiro de Comercio, Turismo, Promoción Económica e Consumo do Barco, Eladio Santos.

A partir desta aprobación ponse en marcha o proceso de desenvolvemento da campaña, na que o Concello leva traballando xa semanas, e que se pretende ter lista de cara ao Nadal. “A primeira fase será explicarlles aos establecementos de comercio e de hostalaría en que consiste a campaña e como poderán participar. Isto farémolo a través de AEVA e do Barco CCA”, indica Santos.

 

O concelleiro de Comercio do Barco, Eladio Santos./ Foto: A.R.

 

Por outra banda, presentarase a campaña publicamente para que os usuarios que queiran obter esas tarxetas poidan solicitalas a través dun apartado específico dentro da web do Concello, que xa se está ultimando. “Será nesa web onde deberán cubrir un formulario cos seus datos e, logo, o Concello distribuirá as tarxetas mediante unha citación, cuxa fórmula estamos estudando para procurar que sexa o máis rapida posible, pero sen que se produzan aglomeracións. Ao recibir a súa tarxeta, cada usuario pagará os seus 30 euros e xa levarán a tarxeta de 50 euros”, explica o edil de Comercio.

Esta campaña ten un modelo novidoso co que o Concello busca a comodidade tanto para o comercio e hostalaría, como para os propios usuarios. “A decisión sobre a elección do modelo foi clara buscando a comodidade e a facilidade para o consumidor e para o establecemento. Ademais é un modelo versátil que permite que se poidan gastar 3 euros, 5 euros, 12 euros ou o que sexa. Cremos que a tarxeta é atractiva para o usuario porque é un desconto do 40% en calquera tipo de cousas, e tamén é atractiva para os establecementos, que lles aporta liquidez inmediata, xa que cobran ao momento. Por isto está no punto exacto para que funcione ben e para que a xente vaia a comprala e a usala naqueles locais que se adhiran á campaña”.

Dentro desta campaña non entrarían os comercios de alimentación. “Un dos criterios que temos en conta é que os establecementos estiveran pechados ou que perderan unha gran cantidade de ingresos durante o confinamento de primavera, entón daquela a alimentación estaba aberta, non sufriu esas perdas. E ademais, as medidas das 3-4 últimas semanas, aínda que non supuxeron o peche dos bares, nin dos comercios, tamén lles afectaron”, conclúe Eladio Santos.

Artigos relacionados

Back to top button