ConcellosÚltima hora

O Barco pedirá que se corrixa o trazado do Camiño de Inverno para incluír as rúas San Roque e Real

O pleno aprobaba por unanimidade unha moción presentada polo concelleiro do BNG para instar á Xunta a que "se incoe o procedemento de delimitación do trazado desta ruta xacobea

Imaxe do casco antigo do Barco polo que pasa o Camiño de Inverno./ Foto: A.R.

 

Os problemas que está a implicar a falta de delimitación do trazado do Camiño de Inverno ao seu paso polo Barco poñíanse sobre a mesa no pleno municipal, celebrado esta tarde de 3 de xuño, a través dunha moción presentada polo concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez. Na súa exposición o edil aludía “á denegación das subvencións solicitadas polas veciñas do casco vello do Barco (da Rúa San Roque e da Rúa Real) ao abeiro do “Programa de Fomento da Rexeneración e Renovación Urbana e Rural do Plan de Vivenda 2018-2021”, que estabelece tamén “as bases reguladoras das subvencións correspondentes ás áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e do Parque Nacional das Illas Atlánticas” publicado no DOG. 124, do 2 de xullo 2019)”.

Vilasánchez indicaba que a Consellería de Cultura e Turismo proxectou e financiou a mellora da sinalización do Camiño de Inverno en todas as comarcas galegas do trazado “e, en moitos lugares, esa sinalización non se corresponde co trazado publicado no Plan Básico Autonómico. Por esta cuestión, e máis aló da necesaria incorporación aos Plans Xerais de Ordenación Urbana do trazado do Camiño de Inverno é preciso un paso previo de demarcación por parte da Xunta de Galiza”. No caso concreto do Barco, indicaba, “non coincide a realidade do Camiño coa realidade oficial”, xa que non inclúe as rúas do casco antigo polas que está documentado o paso desta ruta.

Neste senso, a moción do BNG pedía no apartado de acordos que o Concello do Barco inste á Xunta de Galicia a “incoar procedemento de delimitación do trazado do Camiño de Inverno en virtude do artigo 76 da Lei 5/2016 do 4 de maio, de Patrimonio Cultural de Galicia”, e tamén que se promova “a modificación do Plan Básico Autonómico corrixindo o trazado do Camiño de Inverno aló onde xurdan discordancias co trazado entre o trazado inicialmente previsto e o definido na delimitación definitiva do mesmo”.

 

O concelleiro do BNG, Suso Vilasánchez, durante a exposición da moción./ Foto: A.R.

 

A moción recibía o apoio tanto do PP como do PSdeG e resultaba aprobada por unanimidade. A voceira popular, Sabina Aguado, indicaba que “o erro xa está identificado, pero a revisión do Plan Básico é complexa e require tempo. Iso está en trámite e esperemos que se resolva canto antes”.

Pola súa banda, o concelleiro de Turismo do Barco, Eladio Santos, explicaba de forma detallada que dende o Concello xa se leva traballando dende abril para buscarlle unha solución á problemática. “Agora mesmo están sinalizadas as dúas variantes, pero aínda non se concluíu a sinalización. E, en canto ás subvencións, xa vimos traballando tamén niso facendo diversas xestións e presentando documentación acreditativa”. Un procedemento que deberá rematar coa solicitude para que Patrimonio recoñeza o trazado polas rúas Real e San Roque, “e a partir de aí si se poderían solicitar as subvencións”.

Artigos relacionados

Back to top button