
As Xornadas de Folclore volven á provincia de Ourense como un dos eventos máis esperados do verán cultural, que nesta 39ª edición contará coa participación de seis agrupacións folclóricas procedentes de Colombia, México, Panamá, Serbia, Senegal e Taiwán.
A Deputación de Ourense, a través do Centro de Cultura Popular Xaquín Lorenzo, organiza este festival coa colaboración da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta e dos diferentes concellos que acollen este evento. Durante a súa celebración, cada noite haberá dous espectáculos en dúas vilas diferentes da provincia protagonizados en cada lugar por tres agrupacións, agás na cidade de Ourense e en Ribadavia onde actuarán os seis grupos.
Así, a programación desta edición comezará o 12 de agosto no Teatro Principal coa cerimonia inaugural e prolongarase ata o 21 de agosto con actuacións nas vilas do O Barco de Valdeorras, Celanova, Maceda, Verín, Entrimo, Viana, A Rúa, Allariz, Trives, Carballiño, Castro Caldelas, Xinzo, Manzaneda, Bande, ademais de Ourense cidade e Ribadavia.
Os encargados de espallar a súa música, baile e tradicións pola provincia de Ourense serán 173 artistas das seis agrupacións: Colombia (Fundación Ballet Folclórico de Nobsa Colombia), México (Ballet Folk. Instituto Tecnológico de Celaya), Panamá (Academia Andrés Valiente, Danzas y Proyecciones Folklóricas), Serbia (Kud Srem), Senegal (Ballet Jammu) e Taiwán (Yuan Yuan Dance Group).