Orquestras, actividades lúdicas e cultos. Despois de catro días de festexos, as Festas de Santa Rita chegan hoxe ao día grande, 22 de maio. Data na que se conmemora o nacemento e morte da santa que preside a igrexa de nome homónimo, no centro do Barco de Valdeorras.
E grande a devoción que esperta Santa Rita, avogada dos imposibles, dentro e fóra da capital da comarca, polo que ao longo da mañá sucedéronse as misas (unha cada hora dende as oito), ás que asistían numerosos fegreses, aínda que era ás 12h. cando comezaba o acto central do día: a procesión coa venerada imaxe rodeada polas tradicionais rosas vermellas.

Trala misa de once que remataba coa veneración da reliquia, numerosas persoas con ramos de rosas (no seu caso de todas as cores) agardaban no exterior da igrexa. E trala imaxe da santa, a multitudinaria comitiva relixiosa acompañada pola Banda de Música do Barco, pasaba pola avenida Conde Fenosa para xirar por Eulogio Fernández, ata chegar á rúa Santa Rita. Dende alí a procesión, á que non faltaba parte da corporación municicpal co alcalde Alfredo García á cabeza, regresaba á igrexa parroquial onde se celebraba a solemne misa coa asistencia de varios sacerdotes da contorna e cantada polo coro.
Fotos: Carlos G. Hervella.