O bike park adiántase á apertura da Estación de Montaña de Manzaneda e abrirá o próximo día 29. O resto das instalacións e servizos deste complexo reabrirán o día 12 de xuño. “Será unha apertura limitada a esta instalación, coa Tasquiña como único servizo de restauración, e pensada especialmente para os afeccionados á bicicleta e a montaña, que durante a próxima fin de semana e o seguinte (29, 30 de maio e 5, 6 de xuño) poderán estrear os novos trazados das cinco pistas de descenso”, segundo informa Artabria, empresa concesionaria da estación.
Despois dos traballos de adecuación e adaptación, incrementouse en 1.700 metros a distancia total das pistas, ata case os 11 quilómetros que actualmente suman entre todas. O máis relevante, e unha das principais apostas dos novos xestores da estación, é a adaptación dalgunha das pistas a calquera tipo de nivel e, sobre todo, ao uso por parte de toda a familia.
Deste xeito, destaca Artabria, “o bike park de Manzaneda será o primeiro de España con remonte motorizado en abrir este ano e o mellor adaptado para a realización de descensos en familia ou en grupos con diferentes niveis de destreza. En paralelo, tamén se actuou sobre os trazados cun maior nivel dificultade para aumentar a seguridade e calidade das pistas. A outra gran novidade é a instalación de portabicicletas nos telecadeiras”.
En canto ás pistas, identificaranse facilmente cun código de cores en función do grao de dificultade: as verdes son as máis sinxelas, as azuis as intermedias, as vermellas resérvanse para un nivel avanzado e as negras exclusivamente para expertos. En definitiva, Manzaneda propón opcións para todos os niveis, desde os principiantes ata os expertos, apostando porque os descensos póidanse realizar en familia. Estas son as cinco habilitadas ata o momento:
– Na clasificación de cor verde atópase a pista Medras, de 2,35 quilómetros. Trátase dun percorrido para todos os públicos, sen obstáculos aéreos e ciclable na súa totalidade. Perfecto para iniciarse, pero tamén con sorpresas para os máis experimentados.
– Subindo a dificultade ata a cor azul atópanse Carqueixa (2,08 quilómetros) e Avalancha (1,90 quilómetros). Na primeira os deportistas enfrontaranse a algúns saltos artificiais de pouca dificultade e sempre con alternativa para os que non queiran despegar as súas rodas do terreo máis do imprescindible.
– O circuíto Avalancha manterá o nivel azul de Carqueixa, con algún salto artificial, pasos por bosque con curvas ben debuxadas e terreo ideal, tamén con alternativas para os que non sentan preparados para voar e prefiran a seguridade de levar a súa bici pegada ao chan.
– O nivel pasa a vermello en Cabra Caveira (1,67 quilómetros). O circuíto máis curto, pero que non dá nin un respiro. Aínda que é ciclable na súa totalidade, esta pista busca poñer a proba ao deportista, cunha elección de liñas máis esixente.
– Tamén en nivel vermello, pero con zonas en cor negra, atópase a pista de Rochas, que ofrece un completo percorrido de velocidade e saltos no seu inicio, curvas con peraltes para non tocar os freos e unha infinidade de retos. E é que non se desaproveitou nin un metro de desnivel nos traballos de acondicionamento.
A Estación de Montaña Manzaneda pretende converterse nun referente “para o norte de España e Portugal durante todo o ano, haxa neve ou non, cunha ampla oferta de deporte, aventura e turismo activo, pero tamén gastronómica e cultural. Para cumprir este obxectivo realizouse un intenso traballo de acondicionamento de todas as instalacións para a apertura total do 12 de xuño. A partir de entón, as súas portas xa non se pecharán en todo o ano, algo que non sucedera ata o de agora”, resalta a empresa concesionaria da Estación.
Así, desde o 24 de xuño ata o 12 de setembro, a estación de montaña permanecerá aberta con todas as súas instalacións e servizos operativos os 7 días da semana. E o resto do ano farao durante todas as fins de semana, desde o venres, e festivos.
Cabe lembrar que a estación se reestrea cun novo plan de pases e prezos, máis alcanzables e reducidos para familias numerosas, persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. Así, a partir do 12 de xuño, con só unha entrada será posible acceder a todas as instalacións e servizos: bike park, remontes, piscina, spa, instalacións deportivas, servizos de restauración, roteiros de sendeirismo e de marcha nórdica, parque multiaventura, tirolesa xigante, tiro con arco ou orientación deportiva.
En canto ás entradas para gozar da estación, poderán adquirirse anticipadamente a través da páxina web manzaneda.com ou nos despachos de billetes da estación, en horario de 9.30 a 16.30 horas. Durante as dúas próximas fins de semana, coa apertura do bike park, e a partir do día 12 de xuño, coa apertura total, a estación permanecerá aberta desde as 10.00 ata as 19.00 horas.