Boas novas para os amantes do esquí. Despois dun espléndido día para gozar da neve, con ceo despexado, sol e apenas vento, a Estación de Montaña Manzaneda “abrirá de novo mañá, sábado, con máis pistas, máis quilómetros esquiables e máis remontes”.
Precisamente a coincidencia do bo tempo coa apertura da tempada de esquí provocou unha afluencia de afeccionados e visitantes superior á prevista para un día laborable. “A xornada desenvolveuse con total normalidade, nun ambiente de satisfacción xeneralizada pola abundante neve e a súa calidade, así como por unhas condicións meteorolóxicas especialmente agradables”, aseguran dende a estación, adiantando que para mañá, sábado 1 de febreiro, as previsións son similares, aínda que os afeccionados “dispoñerán tamén das dúas pistas Corzos, o que elevará a 20 o total; 16 quilómetros esquiables e os 6 remontes operativos”.
Para o resto da fin de semana, a estación rexistra unha ocupación do 100%, do mesmo xeito que a maior parte dos establecementos hostaleiros da súa contorna. “Como se converteu tamén en habitual, mañá e pasado seguirá funcionando o autobús lanzadeira en continuo, para facilitar os traslados desde a zona de estacionamento de vehículos ata o despacho de billetes e a cafetería, evitando así as aglomeracións de vehículos na entrada da estación”. Tamén funcionarán os servizos de restauración, coa Tasquiña a pé de pista, a cafetería, o comedor auto-servizo e o restaurante. Igualmente, están dispoñibles a piscina, o circuíto de spá, o rocódromo e o resto de actividades e servizos auxiliares, do mesmo xeito que o alugueiro de equipos.