PolíticaÚltima hora

O BNG denuncia un “recortazo” do 60% nos orzamentos do Estado para Ourense

A voceira nacional, Ana Pontón, e a deputada por Ourense, Noa Presas, instaron a que se prioricen outos investimentos en Galicia antes ca o AVE

Os nacionalistas ourensáns trasladáronse en bloque, canda a voceira nacional do partido, Ana Pontón, ao tramo das obras do AVE que vai dende Pontaumbría até Taboadela “para denunciar os continuos incumprimentos do Estado para con Galicia e nomeadamente con Ourense en materia ferroviaria”, explicou a deputada ourensá no Parlamento de Galicia, Noa Presas. Entre os asistentes a este acto estiveron os  alcaldes de Allariz e Baños de Molgas, así como diversos cargos institucionais. 

Tanto Presas como Pontón criticaron os orzamentos que propón Mariano Rajoy, onde a meirande parte da partida prevista para Galicia é a destinada para reactivar os tramos pendentes de construción do AVE na provincia. Estes traballos teñen un orzamento de case 500 millóns de euros. Pontón cualificou de “recortazo” devanditos orzamentos: “estes presupostos significan que en Galicia imos ter un 33% menos de intervencións”. Pero o máis salientable que sinalaron ambas as dúas políticas é que Ourense “concentra o 60% dos recortes do investimento en Galicia”. Pontón reiterou que é inxusto que “no ano no que os galegos e galegas imos pagar máis impostos, segundo dixo Montoro, que nos devolvan este ‘recortazo’ “.

Esta visita simbólica ás obras de Pontaumbría-Taboadela fíxose co gallo da visita de hoxe, 11 de abril, do ministro de Fomento, Íñigo de la Serna, ao tramo do AVE que une Ourense coa Meseta ( En A Mezquita e A Gudiña) e que se agarda, estiman dende o Ministerio, que estea rematado para o ano 2019. Tanto Noa Presas como Ana Pontón censuraron esta visita e aseguraron que o Ministro “tería que vir a este tramo paralizado”, apuntaron, un tramo que “debería axudar a modernizar o ferrocarril na nosa provincia”, manifestou Noa Presas.

Neste senso, Presas fixo unha valoración clara do asunto: “esta obra (Ponta Umbría-Taboadela) leva paralizada dende o ano 2014, aproximadamente. Levamos máis de tres anos con tramos coma este que provocan que os concellos da contorna teñan que sufrir o impacto das obras. Levamos máis de 14 anos falando de AVE e este ano é o que máis desinvestivmento hai en Galicia”. E Presas apuntou aos dirixentes do PP como principais causantes: “temos un presidente ao presidente da Xunta, ao da Deputación e ao alcalde da cidade que son cómplices silentes de todo isto”.

Tento en conta todo isto, Ana Pontón sinalou que dende o BNG levarán unha proposta ao Parlamento de Galicia e, concretamente, a Alberto Núñez Feijóo: “que nos unamos todos os galegos e galegas e todos os representantes de Galicia para dicirlle alto e claro a Rajoy que non aceptamos o ‘recortazo’ e que non aceptamos que se quiten os máis de 270 millóns de euros que tiñan que investir na provincia de Ourense e 400 millóns en Galicia”.

Para a nacionalista, resulta “inadmisible” que xusto o ano que os galegos e galegas pagaremos máis impostos o que nos devolvan sexa “un recortazo”. O problema, explicou,  non é de recursos é de prioridades políticas do Partido popular que mentres recorta un 30% de investimentos en Galiza, incrementa en gasto militar  máis 7.000 millóns de euros. 

Plan de inversións

Ambas representantes nacionalistas aseguraron que o obxectivo principal é propor un Plan de Inversións Para Ourense que reactive a economía da provincia. “Cremos que toda a provincia ten que vertebrarse dende un punto de vista económico, cremos que é necesario un plan de apoio á creación de emprego de calidade en Ourense que reverta o envellecemento e o despoboamento da provincia, e iso pódese facer a través de políticas públicas de fomento do emprego no sector agroalimentario, turístico ou termal”, apuntou Pontón.

Asemade reiteraron que o AVE a Galicia é necesario, pero que a provincia precisa tamén de vertebración de transporte e unha conexión con Lugo do século XXI, entre outras necesidades “prioritarias”. “Temos un goberno da Xunta e do Estado centrados na conexión coa Meseta e que desatenden por completo ao territorio galego”.

Texto e fotos: Carlos Asensio.

Artigos relacionados

Back to top button