PolíticaÚltima hora

O BNG presenta a súa candidatura na cidade de Ourense ás eleccions municipais

Está encabezada por Luis Seara que Seara, quen afirmaba "estar acompañado dun grupo de persoas que fará que a cidade volva ser unha capital innovadora, dinámica e con calidade de vida"

 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o candidato á alcaldía de Ourense, Luís Seara, presentaban onte o primeiro tramo da lista coa que esta formación política se presentará ás eleccións municipais na capital da provincia. Pontón referíase a esta candidatura como “un grupo de persoas capaz de ofrecer un cambio real e de darlle á cidade un novo principio, no reto de devolverlle á veciñanza a dignidade e o orgullo de ser de Ourense”.

Na súa intervención, a líder do BNG destacou que “Luís Seara é o alcalde que Ourense necesida para deixar atrás a páxina máis triste da súa historia recente e mirar o futuro con esperanza, con ilusión, con confianza”. Tamén quixo poner de manifesto que Seara e o seu equipo serán capaces de “aproveitar o potencial da cidade, facéndoa idónea para vivir e traballar” e que “esta é a candidatura necesaria para abrir as portas do Concello de par en par, sacar as tebras e deixar entrar a luz do proxecto do BNG: serio, solvente, en positivo, a favor da cidade e da súa veciñanza”.

Ambos insistiron na idea de que “Ourense ten que volver ser unha capital de vangarda, cultural e ilustrada. Unha cidade dinámica no económica o no social, innovadora, con capacidade para xerar riqueza e emprego”.

A portavoz nacional explicou que os plans do BNG para a cidade pasan por artellar un proxecto “para ter un Ourense termal, un Ourense cunha mobilidade sostible, un Ourense cultural, un Ourense acolledor, feminista, igualitario, e un Ourense ecoloxista e que pense en verde” calificándoo como “un proxecto que propiciará un cambio real, transformador e en positivo, que virá da man do BNG e de Luís Seara ou non virá”.

O candidato á alcaldía da cidade amosou a súa ilusión por “ter o privilexio de encabezar unha candidatura con persoas con ilusión, con amor por Ourense, que dan un paso adiante e deciden comprometerse nun proceso transformador que mellore a calidade de vida das persoas”. “Un grupo plural, aberto e cohesionado, que responde ás necesidades de Ourense e é garantía de futuro”, engadiu.

No primeiro tramo da candidatura acompáñano, Rhut Marina Reza Álvarez, Xosé Manuel Puga González, Erea Blanco Gallego, Xosé Diz Romay, Sonia Albor Gómez, Xosé Carballido Presas, Nate Borrajo Pazos, Diego Carlos Vázquez Nogueira, Lidia Gómez Cardero, Xabier Fernández Dávila, Chelo López Caride, Anxo Varela Pérez, Venecia Guzmán Castillo e Marcos Ferradás García. “7 mulleres e 7 homes con perfís diversos, referenciais moitas delas no ámbito veciñal, social, cultural, económico e sindical e un relevante coñecemento do territorio e da xestión municipal”, indicou Seara.

Ademais, o candidato á alcaldía da cidade puxo de manifesto que este equipo “traballará para mellorar os procesos administrativos, dinamizar a economía local, mellorar os servizos públicos, fomentar a participación social e conseguir un concello accesible para gañar calidade de vida”.

Luís Seara lembrou que “faltan 105 días para as eleccións do 28 de maio e daremos todo de nós para facer chegar a mensaxe de que é o tempo do BNG”. Insistiu na idea de que “é o tempo de construír País desde os concellos, para colocar a Ana Pontón á fronte do vindeiro goberno galego. Nese camiño hai unha parada anterior, moi importante e fundamental para a veciñanza Ourensá: o BNG liderará un goberno na capital termal de Galiza, na Atenas de Galiza. Estamos preparadas para dar ese salto”.

Pontón amosouse convencida de que “con este gran equipo que acompaña a Luís Seara, o BNG aspira a liderar ese goberno. Desde a humildade, pero con toda a ambición, porque temos un proxecto de futuro, capaz de abrir un tempo novo desde o orgullo”.

 

 

O BNG e o seu proxecto transformador para Ourense

A portavoz nacional puxo o foco na capacidade transformadora dos gobernos municipais do BNG, “capaces de construír en positivo, cunha boa xestión, que aportan dinamismo económico e social e que melloran a vida das persoas”. Puxo de exemplo o caso de éxito de Allariz e, no ámbito urbano, o de Pontevedra, calificándoos como “dous concellos convertidos en referentes de bo facer dentro e fóra de Galiza”.

Tanto Pontón como Seara proclamaron que o BNG está preparado para liderar un goberno “digno de Ourense, ao servizo da cidadanía e capaz de aportar solucións aos grandes retos do presente” e que a veciñanza o demostrará nas urnas o próximo 28M.

Artigos relacionados

Back to top button