CulturaCulturaMúsicaÚltima hora

O Bolo e Monterrei, sedes da XXXII “Xuntanza Internacional de Gaiteiros”

Este evento desenvolverase os días 10 e 11 de xuño nos castelos destes dous municipios ourensáns
Imaxe da presentación da XXXII edición da “Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, na Deputación de Ourense.

Gaiteiros procedentes de Galicia e de países como Irán, Armenia, Italia, Alemaña ou Portugal daranse cita a mediados de xuño nos castelos de O Bolo e de Monterrei. Será no marco da XXXII edición da “Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, declarada de Interese Turístico e Cultural pola Xunta de Galicia.

Este evento cultural e musical celebrarase en dúas xornadas, o día 10 de xuño no Castelo de Monterrei e o 11 de xuño no Castelo de O Bolo. A presentación desta tradicional festa tiña lugar na mañá do 5 de xuño no Pazo Provincial. Nela participaban o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Escola Provincial de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo; e os alcaldes do Bolo e de Monterrei, Manuel Corzo e José Luis Suárez, respectivamente.

Rosendo Fernández fixo un repaso pola historia da “Xuntanza Internacional de Gaiteiros”, a cal “naceu como complemento ás actividades da Escola Provincial de Gaitas da Deputación no ano 1986 no barrio da Ponte de Ourense, e desde entón foi percorrendo distintos concellos da provincia, achegando a nosa tradicional música a todos os recunchos da provincia”. Tamén matizaba que este evento constituíuse “ao longo dos anos como un foro internacional no que se dan cita destacados gaiteiros de diferentes países, traendo a Ourense desde as cornamusas máis primitivas ata as máis contemporáneas”.

O programa desta XXXII edición complétase con conferencias, exposicións e actividades de carácter científico. Asemade, este ano, a homenaxe será para José María Fernandez, Angelo Arribas e Henrique Fernandes, tres gaiteiros do norte de Portugal.

Durante o acto, o alcalde bolés Manuel Corzo amosábase agradecido polo feito de que “unha das xornadas da Xuntanza se desenvolva no Castelo do Bolo, rehabilitado no ano 2000, porque nos permite promocionar o noso municipio”. Pola súa banda, o alcalde de Monterrei lembrada que neste ano 2017 “cúmprense dez anos desde que se decidiu que o Castelo de Monterrei acollera de maneira permanente a Xuntanza”.

Ao remate da presentación, actuaron as cantareiras Ana Belén Rodríguez e Cristina Pumar, xunto ao gaiteiro Marco Foxo, compoñentes da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense.

Artigos relacionados

Back to top button