Entre pedras de cal e leña íase enchendo o interior do antigo caleiro de Vilamor (Folgoso do Courel). Comezaba así un lento e antigo proceso co que antano se elaboraba a cal nestas terras lucenses. Para rescatar esa tradición e achegala ás novas xeracións, a Asociación Fonte do Milagro organizaba o 8 de outubro unha xornada na que se recreaba este proceso.
E mentres a temperatura do caleiro comezaba a subir, nas proximidades poñíase en marcha outra actividade tradicional practicamente esquecida: a serraxe de troncos con ferramentas coñecidas nestas terras como “serra portuguesa” ou “serra de aire”. Esta tarefa implica varios pasos, entre eles, a marcaxe da madeira, que era de castiñeiro. Esta singular demostración prolongábase ao longo da xornada, seguindo as indicacións dalgunhas persoas maiores que aínda fixeron, décadas atrás, este traballo como o señor Luis.
Foron moitas as persoas que se achegaron ao longo do día por Vilamor para ver estas recreacións e que xantaron alí mesmo, no posto de pulpo instalado para a ocasión. Outras pasáronse pola casa de turismo rural que ten abertas as súas portas nesta localidade lucense, A Cova da Moura.
Nesta galería poden verse diversas imaxes das recreacións tanto de cocción de cal como da serraxe de troncos.
Fotos: Carlos G. Hervella.