Dende hai uns días, o campo Vicente Solarat Maceda onde adestra e xoga o CD Rúa conta cun desfibrilador. O ideal sería non ter que utilizalo, di Diego González Moral, máis coñecido como Bolo, adestrador, directivo do club e responsable do espazo cardioprotexido, recoñecendo que para un campo de Segunda e mesmo de Primeira Galicia é un artigo de luxo polo que dan as grazas ao patrocinador que o fixo posible, Manuel Fernández “Peyma”. “É algo moi bo para o fútbol e para ao pobo da Rúa”, asegura.
É unha empresa especizada a que monta o espazo cardioprotexido e conta con dúas partes. A primeira é a instalación do desfibrilador no interior do vestiario dos árbitros e a segunda a formación que “como club queremos darlle aos adestradores de todas as categorías e incluso aos pais, polo que o iremos comunicando a través dos diferentes chats que temos porque canta máis xente esté formada moito mellor”, di, adiantando que será durante o campus de verán que organiza o club cando den esa formación aos pais e “pode que incluso aos nenos”.

Diego insiste en que o queren “é non ter que utilizalo nunca pero está ben telo e gustaríanos que houbese unha chave da instalación no pavillón para que calquera veciño que veña por aquí a dar un paseo, teña acceso a el poida utilizalo en caso de necesidade. É un ben para todos, non só para o CD Rúa”, sentencia, animando á xente a que non lle teña medo. “É fácil de manexar e insisto en que o mellor é non ter que utilizalo pero prefiro telo e non utilizado que necesitalo e non telo”.
Fotos: Verónica Vieira/ Por las Ramas Estudio.