
O Carballiño prepárase para ser escenario do Festival de Teatro Galego (Fetega), que este ano celebrará a súa XXVII edición entre os días 6 e 9 de setembro. A cita foi presentada esta mañá no Pazo Provincial da Deputación de Ourense cun acto no que estivo presente o vicepresidente do goberno provincial, Rosendo Fernández, o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, o director de Agadic, Jacobo Sutil, e a directora do Fetega, Josi Lage, entre outros.
Trátase do festival máis antigo da comunidade e ofrece un programa con actividades para todos os públicos. Así, a vila será escenario de representacións teatrais que se distribuirán en varios enclaves: o aniteatro exterior do Carballiño e o Auditorio Municipal.
O anfiteatro acollerá ás 20 horas as seguintes obras: “Encontros”, de Pistacatro Productora de Soños (día 6); “Girisho: The king of the circus”, de Desastronauts (día 7); “Trasno”, de Pistacatro Productora de Soños (día 8), e “Up2down”, de Traspediante o último día.
Pola súa banda, no Auditorio Municipal as representacións serán máis tarde, ás 22:30 horas e serán as seguintes: “María Casares: ensaio sobre a cegueira”, de Sarabela Teatro (día 6); “unhas poucas picadelas”, da compañía Teatro de Ningures (día 7); “Nosa señora das nubes”, de Teatro do Morcego (día 8); e “Monólogo do imbécil”, de Eme2 (día 9).
O venres tamén se levará a cabo a gala de entrega de premios, que nesta edición será presentada pola actriz Isabel Blanco. Ademais, en paralelo, a programación contempla teatro na rúa, conferencias e diversos obradoiros.