ConcellosÚltima hora

O Carballiño distribúe libros gratuítos en diferentes puntos para fomentar a lectura

A iniciativa chámase “Arrieiros de Papel” e as cestas de libros distribuiranse na área de Servizos Sociais, na rúa Faustino Santalices e na Praza de Abastos
As cestas estarán distribuidas por diferentes puntos da vila.

A concellería de Cultura e a Biblioteca Municipal do Carballiño, veñen de pór en marcha un programa de lectura e intercambio de libros denominado “Arrieiros de papel”.

A iniciativa consiste en situar en diversos lugares do Carballiño “unhas cestas con libros, que se poden levar para ler e despois deixalos no mesmo lugar ou en calquera das outras cestas, e tamén se poden traer libros para incorporar aos que xa hai”, informaron dende o Concello.

Unha destas cestas xa está colocada no descansiño da terceira pranta do concello, onde se atopan as áreas de Educación, Cultura, Turismo, Deportes, Orientación Laboral e a aula de informática.

Outra cesta situarase mañá, 13 de xuño, na área de Serizos Sociais, na rúa Faustino Santalices. E a terceira colocarase na zona de descanso da Praza de Abastos. Asemade, está previsto poñer outra cesta nas piscinas municipais, en canto comece a tempada de verán.

As cestas, así como os libros, levan impreso un texto explicativo desta iniciativa:

“ARRIEIROS DE PAPEL. Ola, Son un libro moi especial, un arrieiro de papel. Se queres podes collerme, lerme e despois deixarme libre nunha das cestas que atoparás na nosa vila. Tamén podes deixar un libro teu e convertelo nun arrieiro para que viaxe polo Carballiño e o podan ler máis persoas.

E lembra… arrieiros somos e polo camiño atoparémonos.

Grazas pola túa colaboración e disfruta coa lectura”.

Se esta iniciativa resulta positiva, non descartan incrementar o número de cestas e de puntos de ubicación.

Os libros incluidos neste programa son exemplares que a biblioteca municipal ten por duplicado ou triplicado, polo que tamén resulta un xeito de aproveitar mellor os fondos cos que conta este servizo municipal.

 

Os libros poden collerse e levar á casa e os usuarios poden, tamén, aportar novos títulos. 

Artigos relacionados

Back to top button