CulturaCulturaEn portadaÚltima hora

Unha mostra indaga no “Esencial” da obra artística de Jesús Díaz Ferrer, no Barco

Este venres ás 20h. inaugurarase esta exposición, comisariada por Luis Enrique Rodríguez, na sala Abanca

 

Debuxos, gravados e bosquexos, realizados exclusivamente en branco e negro ao longo de oito décadas de produción; pero tamén unha serie de deseños da súa etapa como mestre colorista na factoría de tecidos Guggenheim & Sons en Zürich, en 1958. Son os eixos en torno aos que xira a exposición “Esencial”, que pretende achegar ao público á figura do creador barquense Jesús Díaz Ferrer (1922 O Barco-Concud, Teruel, 2017), no marco do centenario do seu nacemento. A súa inauguración está prevista para o vindeiro venres 20 de maio na sala de exposicións Abanca no Barco.

Esta mostra, organizada pola Concellería de Cultura do Concello do Barco, estará aberta nesta sala ata o 18 de xuño, e poderá visitarse de luns a venres, de 19 a 21 horas, e os sábados de 12 a 14 horas. Está comisariada polo tamén barquense Luís Enrique Rodríguez Arias “Coquixo”, revisa os fondos privados do artista, as súas obras e bosquexos. “Tratouse de deixar patente que nos atopamos ante un artista que, por ter transitado durante a súa longa carreira dende as derradeiras vangardas europeas ata a postmodernidade, resulta “Esencial” para comprender os nexos entre a arte galega e a arte europea dende mediados do século XX ata os inicios do século XXI”, sinala Coquixo.

 

 

O seu contido está estruturado en dúas partes ben diferenciadas, unha delas inclúe 48 cadros en branco e negro de diferentes etapas, temáticas e estilos, abranguendo un lapso de tempo de 70 anos. A segunda, correspóndese con deseños da colección persoal de Díaz Ferrer, na que desenvolveu ideas e efectos baseados na cor para tecidos.

“A liberación do soporte plano do lenzo deulla a oportunidade de pescudar no mundo do cromatismo como nunca antes o fixera. Desenvolveu ideas previas e mergullouse noutras novas, supoñendo neste senso unha etapa crucial para a súa arte posterior”, resalta Coquixo. Dese xeito, “a combinacióin harmónica de cor e branco e negro e das distintas “esencias” presentes na obra de Díaz Ferrer, déronlle o verdadeiro sentido a este proxecto expositivo”, asegura o comisario.

“A idea é que a exposición se presente noutras cidades de Galicia, ata o mes de decembro deste ano”, adiantan dende o Concello do Barco.

Artigos relacionados

Back to top button