CulturaCulturaMúsicaÚltima horaVídeos

O Casino do Barco acolle a presentación do libro autobiográfico da pianista Sara Marianovich

 

Con tan só doce anos, en 1983, ofreceu o seu primeiro concerto ante o gran público como solista acompañada pola orquestra, e un ano despois o seu primeiro recital de piano, “motivo que me pareceu ideal para facer un resumo dos acontecementos máis importantes e compartir as miñas vivencias e experiencias co lector deste libro”. Con estas palabras Sara Marianovich (Belgrado, Serbia, 1971) daba a coñecer Envuelta en Sonidos, a obra autobiográfica coa que conmemora catro décadas sobre o escenario.

En 2021, tres anos despois de deixar O Barco de Valdeorras por motivos laborais, a pianista serbia regresaba á vila que a conquistaba e acollía hai case unha década, para involucrase novamente no ámbito cultural da poboación, pero desta volta cun local propio “Sueños” un espazo con cabida para actividades educativas e culturais. Dous anos despois e de novo ante o público barquense, presenta o seu libro.

 

A pianista Sara Marianovich na presentación do seu libro “Envuelta en Sonidos”.

 

Desde o 31 de agosto está dispoñible nas librerías en España pero a presentación en Valdeorras tiña lugar na tarde deste sábado 30 de setembro no Casino do Barco e da man do presidente do IEV Aurelio Blanco Trincado. Era el o encargado de presentar á autora do libro, dándolle as grazas por elixilos para o acto, lembrando o momento no que a coñeceu hai case unha década, así como pequenos retazos da súa extensa traxectoria profesional, sempre coa música como fonte de inspiración, formación e felicidade.

Trala benvida ao acto por parte do presidente do Casino, Pablo Dobado, tomaba a palabra a propia Sara, explicando que o principal motivo polo que decidía escribir este libro é que “a miña experiencia poida servir a outra xente que poida ter vivido situacións parecidas”.

 

 

Escribindo este libro (Europa Ediciones, 2023) Sara Marianovich decatouse dunha interesante coincidencia, que “todo o que me marcou, co que podería describir a miña vida, aquilo que deixou pegada en min, empeza pola letra E, que precisamente equivale ao ton MI na música: España, estranxeiro, ensino, educación, esperanza, empatía, estima, extremos, erros, entusiasmo, esixencias, esforzo, escribir, expresar, estrañar etc. Incluso as letras do nome da editorial á que confiei a publicación deste libro empezan por E”, conta, agardando que guste ao lector e lembrando que “a música non está feita para competir se non para compartir”.

 

 

Fotos e vídeos: Mónica G. Bellver.

Artigos relacionados

Back to top button