Coa base do ano pasado, incluído o adestrador Lino Estévez, pero tamén xogadores novos, a mesma ilusión de sempre e o obxectivo de “ascender canto antes pero asentando ben os cimentos e contando sempre co gran apoio dos patrocinadores”, o CD Barco fará a presentación do equipo para a tempada 24/25 o xoves 1 de agosto.
Será coma sempre a partir das 20:30 horas no campo municipal de Calabagueiros e marcará o inicio dunha intensa pretempada con varios amigables xa confirmados. En casa xogarán contra a Ponferradina xuvenil (8 de agosto), o Toralense (10 de agosto) o Lugo B (14 de agosto) e o Lemos (25 de agosto), sendo este último amigable o Memorial Miguel Fariñas. A domicilio xogarán o Torneo Vega (15 e 17 de agosto) e contra a Ponferradina B (1 de setembro). A liga arrincará unha semana despois, o domingo 8 de setembro.
Con respecto ao plantel, o club foi anunciando a través das redes as renovacións e as fichaxes. De momento continúan no conxunto barquense Lino Estévez, Manu, Carlos Cruz, Alberto Conde, Eric Rellán, Alejandro Ocampo, Óscar Cruz, Konaté, Imanol e Óscar Martín. E entre as fichaxes están Álex Vázquez, Brian Castro, Sidibé, Brian e Ángel Fulla no corpo técnico.
No que respecta á base, o presidente do CD Barco, Nilo Ramos, adianta que nesta tempada contarán con todas as categorías dende prebenxamín ata xuvenil, ademais do filial que dirixirá Ricardo Prada.