Non pudo ser. Cada vez chegan un pouco máis lonxe e tras caer en semifinais hai dous anos, neste 2022 o CD Berco vén de completar unha tempada excepcional, logrando chegar ata a final galega do play off de ascenso a 2ª RFEF. Pero quedaba sen o premio gordo, caendo pola mínima ante o Ourense CF.
O último partido para o Barco, disputado na tarde deste domingo 8 de maio, comezaba no Estadio Anxo Carro de Lugo coa entrega do trofeo ao Polvorín, o filial do CD Lugo, como campión de liga e de seguido daba inicio un encontro dominado polo conxunto da Ponte. Os ourensáns crearon perigo ao longo de todo o encontro, aínda que non era ata o minuto 66, xa avanzada a segunda metade, cando o gol de Gabri Palmás batía ao gardameta barquense, Aitor Arias, un dos grandes protagonistas da tarde con impresionantes paradas.
O Barco tamén dispuxo de ocasións. As máis claras foron para Morais, que estivo a piques de abrir o marcador antes do descanso cun disparo cruzado que se marchou a escasos centímetros da portería de Marqueta e, xa nos compases finais, para Carlos Villar, que remataba fóra de cabeza un centro servido desde a banda dereita.

Sobre o resultado, o míster Javier Rey, asegura que tiñan diante a un rival superior ao que desexa que logren ascender (agora o Ourende CF deberá xogar a final contra outro equipo español elixido por sorteo), asegurando que malia sentirse “un pouco fastidiados” por perder, se valoran a tempada obxectivamente “foi moi boa e os xogadores de 10”, dixo sempre defendendo a morte ao seu equipo.
O apoio dunha afección incondicional

Co 1-0 no marcador o colexiado pitaba o final do encontro botando por terra o soño do Barco de ascender a 2ª. Non gañaron pero a resposta da bancada parecía indicar o contrario. Unhas mil persoas asistían ao estadio, a maioría seareiros do conxunto barquense chegados dende diferentes partes da comarca e tamén de Trives, que non deixaron de animar en todo o encontro. Como xa fixeran na semifinal de hai dous anos en Vigo, aguantaron estoicamente o abrasador sol e o calor e ataviados con camisetas, bufandas e banderolas lanzaban sen parar consignas de ánimo, acompañadas polo son dos bombos e das pandeiretas.
Ao final do encontro e malia a decepción, tanto xogadores como corpo técnico dirixíronse á bancada central do estadio para agradecer á súa afección o apoio incondicional.
Ficha técnica
Plantel do Ourense CF (1): Marqueta, Isra Pérez, Hugo Sanz, Toño Vázquez, Tiago, Jerín, Nacho Fariña (Rubén, min. 83), Yosu, Gabri Palmás, Manu Rodríguez y Xián (Rogerio, min. 68).
Plantel do CD Barco (0): Aitor Arias, Juan (Villar, min. 85), Pablo Rubio (Juanma Justo, min. 68), Iago López, Óscar Martín, Javi Pazos, Rubén García (David Álvarez, min. 68), Andrés, Morais, Duque y Víctor Oliver (Manu, min. 81).

Goles: 1-0 (Gabri Palmás, min. 66).
Árbitros: Pedro Oreiro Hermida; Diego Cusset Ramírez; Eduardo Rodríguez Pernas; Jorge Méndez López. Tarxetas amarelas para Manu Rodríguez, Rubén Sánchez e Tiago (Ourense CF); e Rubén García e Juanma Justo (CD Barco).

Fotos: Carlos G. Hervella / Mónica G. Bellver
Vídeos: Mónica G. Bellver