Dous meses despois da última vitoria en Calabagueiros (2-0 ante o Ribadumia), o CD Barco vén de dar unha gran alegría aos afeccionados superando por 3 goles a 1 ao Verín CF no primeiro partido da segunda volta en terceira división, desputado no Barco o 10 de xaneiro.
Nunha tarde intempestiva con vento e forte chuvia, os rapaces e Javi Rey pelexaron pola vitoria e, malia que non resultou doado, finalmente sumaron os tres puntos en xogo. O Verín adiantábase no marcador aínda que Javi Recamán lograba o empate a piques de rematar a primeira parte, ao transformar un penalti. Na segunda metade, o conxunto visitante quedaba con dez no campo trala expulsión de Luis Ossorio, chegando o segundo tanto local da man de Rodri. O terceiro e último gol do encontro foi obra de Borja para O Barco, no minuto 74.
Entre auga, paraugas e chuvasqueiros, e co 3-1 no marcador, o conxunto vermello retirábase do campo entre aplausos e vítores sumando tres puntos de ouro.
Fotos: Carlos G. Hervella