CulturaCulturaEducaciónGalerías de fotosÚltima hora

O CEIP Condesa de Fenosa aposta polo teatro para promover a conciencia social sobre os incendios

Os alumnos de 2º de Primaria porán en escena “María e o lume” o vindeiro 28 de maio no Teatro Lauro Olmo do Barco

A comunidade educativa do CEIP Plurilingüe Condesa de Fenosa do Barco de Valdeorras vai pouco a pouco poñendo o broche ás actividades enmarcadas no programa PITEAS. Desta volta tócalle o turno aos alumnos de 2º de Primaria, que o vindeiro luns 28 de maio,  representarán no Teatro Lauro Olmo a obra “María e o Lume”. Unha obra de teatro de creación propia, produto final do proxecto educativo “Investigalume” nacido a raíz da intensa vaga de incendios que tiveron lugar en Galicia en outubro do pasado ano.

Tal como explican dende o centro, a investigación centrouse en cinco grandes apartados: causas, consecuencias, prevención, medios de extinción e protocolo de actuación. “A colaboración co distrito forestal do Barco de Valdeorras resultou fundamental nesta investigación”, puntualizan, asegurando que o persoal deste distrito acercouse ao noso centro a dar unha charlas informativas e o alumnado visitou as instalacións en Viloira.

Coa información recadada elaboraron múltiples materiais como murais, lapbooks e mapas de pensamento en relación ao que se quería investigar e ao xa aprendido. Realizada a investigación e recompilados os datos, chegaron á conclusión de que lograr unha conciencia social ao redor desta temática era un dos mellores medios para loitar contra o lume e decidiron reflectir o aprendido nunha historia que amosar ao público. Así, os cativos, por equipos, crearon diferentes tramas narrativas e, unha vez escollida unha delas, puxéronse mans á obra para crear “María e o lume”. “O alumnado repartiuse en diferentes “equipos de expertos”: guionistas (que se encargarían de pasar esta historia a formato teatral), actores e actrices (para representala), figurinistas (encargados da maquillaxe e o vestiario), escenógrafos (encargados dos decorados), equipo técnico (son, luces e telón), publicistas (para o deseño de carteis e entradas), presentadores, equipo de taquilla e acomodadores.

Agora, con todo o traballo rematado e os ensaios finalizados sairán da aula e presentarán o seu traballo á sociedade barquense.

Fotos cedidas

Artigos relacionados

Back to top button