A Xunta de Galicia vén de incorporar oito novos centros educativos, entre eles o CEIP de Manzaneda e o CEIP Manuel Respino da Rúa, ao programa Educación Responsable, que se desenvolve en colaboración coa Fundación Botín co obxectivo de “promover a educación emocional do alumnado e poñer en valor a súa importancia no seu desenvolvemento persoal e académico”.
Coas novas incorporacións, este curso participarán no programa Educación Responsable un total de 103 centros, 7.300 alumnos e 448 docentes. Todos eles reciben formación, recursos e seguimento por parte da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
A iniciativa enmárcase na Estratexia galega de convivencia escolar 2025, a folla de ruta do Goberno galego para seguir mellorando o clima nas aulas e o benestar emocional do alumnado. O programa Educación Responsable desenvólvese ao longo de tres cursos e leva consigo a aplicación na aula de diferentes recursos de educación emocional, social e creativa, o que se realiza de forma coordinada.