CulturaCulturaEducaciónÚltima hora

O CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño de Rubiá gaña o concurso de carteis das Letras de Florencio 2022

Os deseños serán impresos e distribuídos por colexios de toda Galicia xunto cunha guía didáctica destinada a alumnado de Infantil e Primaria

 

A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de facer público o nome do centro gañador do concurso de carteis das Letras Galegas 2022 que na categoría de Infantil e Primaria recaeu no CEIP Virxe do Camiño de Rubiá. A directora do centro, Andrea Tato, explicou que xa se presentaran noutras ocasións pero que no caso de Florencio puideron poñer en valor o traballo feito durante anos para difundir a figura do autor valdeorrés. “Colaboramos co proxecto das Letras para Florencio dende o inicio así que estabamos moi familiarizados coa potencialidade da súa obra para traballar na escola. Hai moita Valdeorras neses debuxos e estamos moi contentos, claro”, di.

 

 

Tal como explican dende As Letras de Florencio, os carteis son 10 pezas de gran formato debuxados integramente polos alumnos que serán distribuídos cunha unidade didáctica elaborada tamén polo centro. “Ata que sexan distribuídos pola Xunta non poden amosalos e tiveron que retiralos das súas publicacións en Internet para que permanezan inéditos”, puntualizan. Ademais da satisfacción polo recoñecemento, o premio está dotado con 2.000 euros que planean investir en equipamento tecnolóxico para fomentar a creatividade.

 

 

Débora Álvarez, directora do proxecto As Letras de Florencio, celebrou tamén que o premio recaera nun centro educativo da comarca destacando que “ten unha forte visibilidade xa que os carteis estarán nas paredes de todos os centros educativos de Infantil e Primaria de Galicia”. Álvarez lamentou que o concurso de Secundaria quedase deserto se ben destaca que “os centros educativos son unha peza fundamental da celebración da Letras Galegas e da transmisión da nosa lingua e hai que agradecer a súa implicación e incentivala con concursos coma este”.

 

 

Fotos dos alumnos e profesores do CEIP Plurilingüe de Virxe do Camiño de Rubiá, cedidas polo centro.

Artigos relacionados

Back to top button