SanidadeÚltima hora

O Centro de Saúde de Vilamartín contará cun sistema sostible de aerotermia

A actuación enmárcase nun acordo de colaboración entre o Sergas e o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) e alíñanse coa Estratexia de Economía Circular

 

Ata o Centro de Saúde de Vilamartín de Valdeorras achegábase esta mañá o delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, quen estaba acompañado polo xerente da área sanitaria, Félix Rubial, durante unha visita ás instalacións sanitarias, na que tamén participaban representantes do Concello de Vilamartín. Alén escoitaba as demandas que lle plantexaba o persoal sanitario deste centro, especialmente no relativo á mellora da eficiencia enerxética, e tamén anunciaba a próxima a instalación dun sistema de aerotermia nestas instalacións.Esta intervención forma parte dun lote de obras para introducir enerxías renovables nos centros de saúde galegos, que vén de sacar a licitación a Xunta de Galicia.

O xerente da área sanitaria apuntou que este contrato materialízase a través dun acordo entre o Sergas e o Inega, dependente da Consellería de Economía, Industria e Innovación, que promove a través da Axenda Enerxética Galicia 2023 a integración de enerxías renovables en edificios públicos e facilita o seu cofinanciamento polo programa operativo FEDER Galicia 2017-2020, dentro da súa actuación de fomento das actividades asociadas ao ciclo de aproveitamento da biomasa térmica e outras tecnoloxías renovables na administración xeral da comunidade autónoma e no sector público autonómico.

 

 

“Estas actuacións correspóndense á aposta do Goberno galego polas enerxías renovables e a economía circular, na que se implican distintos departamentos da Xunta e na que se integra tamén a sanidade pública galega”, sinalou o delegado territorial. A este respecto, Gabriel Alén lembrou que, o pasado mes de xuño, o Sergas aprobou tamén a súa Estratexia de Economía Circular que leva a política de redución de residuos, reutilización de materiais e reciclaxe á sanidade pública, e centra un dos seus eixos na minimización do consumo de combustibles fósiles.

A aerotermia é considerada como unha enerxía de alta eficiencia que presenta un menor consumo que os sistemas de calefacción tradicionais, ademais de representar unha enerxía renovable e sostible que non require case de mantemento. Tamén a súa instalación é moi sinxela e limpa xa que non produce combustión nin xera fumes nin residuos polo que resulta máis segura e silenciosa o que redundará no beneficio tanto dos pacientes como dos profesionais do Centro de Saúde de Vilamartín de Valdeorras.

Fotos e vídeo: Carlos G. Hervella.

 

Artigos relacionados

Back to top button