OurenseÚltima hora

O centro loxístico de axuda a Ucraína comeza a recibir o material humanitario doado polos ourensáns

Nos vindeiros días enviarase o primeiro transporte de material con destino á cidade polaca de Ladek-Zdroj

 

O centro loxístico habilitado pola Deputación no parque de maquinaria, situado no polígono de San Cibrao, comezaba a recibir hoxe o material humanitario recolectado polo Concello de Ourense nos locais abertos a tal efecto na cidade. Nos vindeiros días seguirá recolléndose este cargamento, ademais de almacenar a axuda que enviarán dende os diferentes municipios da provincia.

A deputada de Igualdade e Reto Demográfico, Luz Doporto, supervisou esta mañá a posta en funcionamento do centro loxístico, agradecendo “o traballo realizado durante toda a fin de semana polo persoal da Deputación para acondicionar este espazo”. A partir deste momento, os traballadores da institución encargaranse dos labores de loxística, explicou, “organizando a xestión dos envíos a Ucraína. O primeiro transporte esperamos que salga en próximos días”.

“Este centro”, dicía Luz Doporto, “é a resposta da Deputación á hora de xuntar sinerxías e iniciativas solidarias en favor dos refuxiados”, referíndose así ás dúas liñas de traballo abertas desde o goberno provincial. A primeira delas atendendo á petición de axuda realizada desde Ladek-Zdroj, localidade polaca integrada na European Historic Thermal Towns Association (EHTTA), para atender aos refuxiados ucraínos que cruzan a fronteira.

A segunda liña de actuación correspóndese coa posta en marcha pola Área de Benestar dun grupo de traballo técnico que está a reunir toda a información sobre as iniciativas que se realizan na provincia para coordinar e complementar a axuda. Con este fin, os concellos, veciñanza e organizacións sen ánimo de lucro teñen á súa disposición un enderezo electrónico e un teléfono de contacto (ourenseconucrania@depourense.es – 988 317 772). En paralelo, nas instalacións do Paco Paz está habilitado un punto de recollida de material solidario para os veciños que desexen colaborar na resposta de Ourense ante esta crisis humanitaria.

Artigos relacionados

Back to top button