OurenseÚltima hora

O Centro Tecnolóxico da Carne cede ao CHUO un equipo PCR para facer probas de detección do COVID-19

Exterior do Hospital Universitario de Ourense./ Foto: Carlos G. Hervella.

 

O Centro Tecnolóxico da Carne (CTC), con sede en San Cibrao das Viñas (Ourense) vén de ceder ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO) un equipo de PCR (Reacción en Cadea da Polimerasa) cun sistema en tempo real, pertencente ao seu laboratorio de bioloxía molecular, para a realización de probas de detección do virus Covid-19.

“Por acordo das partes, a cesión deste material, que será utilizado polo Servizo de Microbioloxía do devandito complexo hospitalario, manterase polo tempo que sexa necesario e de acordo coas instrucións que vaian ditando as autoridades sanitarias en relación co coronavirus”, segundo informa a Consellería do Medio Rural, á que está adscrito o CTC.

Esta medida adoptouse por parte dos responsables do CTC tendo en conta o Real Decreto 463/2020, de 14 de marzo, polo que se declara o estado de alarma para a xestión da situación de crisis sanitaria ocasionada polo Covid-19 e considerando as necesidades expostas polo referido servizo de microbioloxía.

Esta iniciativa súmase á colaboración tamén establecida entre a Consellería do Medio Rural e o Sergas para que o Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lapasaga), dependente de Medio Rural e con sede en Lugo, coopere co Hospital Universitario Lucus Augusti na realización dos tests diagnósticos para detectar o coronavirus.

 

Artigos relacionados

Back to top button