SanidadeÚltima hora

O CHUO acollerá o II Torneo Solidario de Mus a beneficio da Asociación Morea

O pasado ano esta iniciativa recaudou máis de 3.000 euros que se doaron integramente a Asociación contra o Cancro de Ourense

 

Coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, vén de presentarse no Hospital Universitario de Ourense o II Torneo Solidario de Mus, iniciativa organizada polo Servizo de Atención ao Paciente e Humanización da Área Sanitaria de Ourense, en colaboración coa Asociación Cultural Museiros de Ourense e Apetéceme, este ano a beneficio da Asociación de Familiares e Enfermos de Saúde Mental de Ourense (MOREA).

O torneo celebrarase o sábado 18 de outubro, de 10 a 22.30, na cafetería de persoal (na planta 0 do novo edificio de hospitalización). A inscrición xa esta aberta e pode realizarse a través da aplicación Mustotal. A recadación do seu importe, 15 euros, doarase íntegramente á asociación Morea para o desenvolvemento dos seus programas de axuda. Igualmente, habilitouse unha fila 0, para todas as persoas que desexen colaborar con esta a causa solidaria, mediante doazón directa á conta desta asociación de pacientes: ES94 2100 2767 060200040014.

Na presentación, os seus organizadores destacaron o éxito da primeira edición, celebrada o pasado ano a beneficio da Asociación Española contra o Cancro, na que recadaron máis de 3000 euros a beneficio da AECC, e contou con máis dun centenar de participantes.

Desde MOREA, o seu xerente, Alfonso Díaz, agradeceu que este ano lles adiquen o torneo “grazas a implicación do hospital, dos Museiros e das persoas que se achegan a colaborar, porque cada iniciativa coma esta axuda a que os nosos programas de apoio, acompañamento e sensibilización poidan chegar a máis familias e persoas con enfermidade mental”.

Alfonso Díaz destacou o lema desde ano do día mundial “Saúde Mental na Comunidade” que centrou a mesa informativa disposta hoxe no hospital, na procura de dar visibilidade ás persoas con problemas de saúde mental, e a súa integración na sociedade para que podan “empezar a vernos como o que somos: persoas con problemas, algunhas dificultades, como pode ter calquera, que non deberían impedir ser aceptados e convivir coa cidadanía con normalidade”.

Belén Piñeiro, agradeceu aos colaboradores que fan posible este torneos, os museiros e Apeteceme, adxudicatarios do servizo de restauración e cafetería no hospital. Asemade celebrou a alta participación e continuidade desta iniciativa, que mantén o seu espírito solidario, unindo lecer con compromiso social.

 

 

Numerosos aficionados ao mus

Ourense é unha cidade e provincia con moita tradición nos xogos de cartas e especialmente de mus, proba delo a Asociación Cultural Museiros de Ourense conta con preto dun millar de socios en Ourense. O seu presidente, Antonio Losada subliña contan “con corenta e oito equipos rexistrados cunha media de catorce persoas por equipo; disputamos torneos cada semana e xogamos nunha liga que abarca desde setembro a xuño, o que da unha dimensión da cantidade de xente que mobiliza este xogo de cartas”.

O torneo está aberto á participación de 72 parellas e manteráse aberta a posibilidade de inscribirse ata o mesmo día do torneo, dado seu carácter solidario “os museiros de Ourense sempre teñen unha resposta excepcional, ante causas solidarias, e nesta edición non esperamos nada menos” .

Durante o acto de presentación participaron a xefa do Servizo de Atención ao Paciente e Humanización, Belén Piñeiro; a presidenta e o xerente de MOREA, María Teresa Fernández e Alfonso Díaz; o presidente da Asociación Cultural Museiros de Ourense, Antonio Losada; a directora de Márketing de Apetéceme, Vanessa Ventosinos, e o xefe de sección de Psiquiatría, Alexandre García Caballero, xunto con parte do equipo deste servizo.

Back to top button